Doce detidos, nove deles hospitalizados, nunha pelexa por celos en Madrid
Doce detidos, nove deles hospitalizados, nunha pelexa por celos en Madrid
O máis grave é un home que presentaba unha ferida complicada na cara e que foi trasladado ao Hospital Clínico
A Policía Nacional detivo 12 mozos de entre 20 e 30 anos, nove deles feridos trasladados a distintos hospitais, tras unha liorta multitudinaria ocorrida a madrugada desta noite na madrileña praza de Marqués de Vadillo, no distrito de Carabanchel.
As primeiras investigacións descartan a relación do suceso coas bandas xuvenís e apuntan a unha rifa iniciada no interior da discoteca Fénix, próxima ao lugar dos feitos, por "un asunto de celos".
Foi minutos antes das 6:00 horas cando axentes da Policía Nacional, Policía Municipal e facultativos de Samur-Protección Civil acudiron á praza Marqués de Vadillo alertados por unha liorta con máis dunha decena de persoas implicadas, a maioría de orixe latinoamericana.
O persoal sanitario atendeu un total de 11 mozos, nove homes e dúas mulleres de entre 21 e 25 anos, por cortes na cara, as pernas e os brazos.
O máis grave é un home que presentaba unha ferida complicada no rostro e que foi trasladado ao Hospital Clínico.
Outras oito persoas foron evacuadas a distintos hospitais da capital, onde permanecerán custodiadas en calidade de detidas.
Os implicados na liorta agredíronse con obxectos contundentes, aínda que os axentes tamén están a analizar un coitelo que acharon entre as pertenzas dun dos arrestados, xa que a maioría presentaba cortes na cara, brazos e pernas, producidos por cristais e coitelos.