Persoal da Xunta segue a retirar 'pellets' de plástico nos areais galegos
Persoal da Xunta segue a retirar 'pellets' de plástico nos areais galegos
Un barco perdeu parte da súa carga hai case un mes fronte ás costas portuguesas
O conselleiro do Mar acusa o Executivo central de informar tarde do sucedido
A Delegación do Goberno esíxelle que pida desculpas por "faltar á verdade"
Persoal da Xunta continuou limpando este sábado as praias do litoral galego dos restos de pellets de plástico que apareceron despois de que un barco perdera parte da súa carga hai case un mes fronte ás costas portuguesas. Os restos xa chegaron a Asturias e Cantabria.
Nas praias da Coruña non atoparon nada, pero si tiveron que limpar os areais de Muros. A consellería do Mar asegura que está en permanente contacto cos concellos da costa onde están aparecendo.
Dende o eido científico aseguran que é moi difícil recuperar ese material do mar e din que debe facerse na costa a medida que vaia chegando.
Medios e recursos
A canditada do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, achegouse ata Muros para comprobar o estado en que se encontran os areais pola chegada dos pellets.
Pediu poñer todos os medios e recursos posibles para atallar este problema da chegada destas bólas plásticas ás praias. Reclamou tamén que haxa coordinación con Portugal para monitorizar a evolución.
Explicacións ao Goberno central
O conselleiro do Mar asegura que proseguen e proseguirán, mentres sexa preciso, os labores de limpeza das praias para retirar os pellets que seguen chegando á costa.
Alfonso Villares critica que a Xunta non recibira información oficial do sucedido ata o 3 de xaneiro, malia que, asegura, o Goberno central tivo coñecemento dos feitos o 20 de decembro.
Ademais, esíxelle explicacións por non activar o plan de contaminación marítima que corresponde ao Ministerio de Transición Ecolóxica.
Informado o 20 de decembro
O Goberno central asegura que o xefe de servizo de Salvamento Marítimo de Fisterra lle comunicou o 20 de decembro ao subdirector do servizo de Gardacostas a chegada de pellets de plástico á costa galega pola perda dun contedor do Toconao.
Segundo a Delegación do Goberno, a comunicación fíxose ese día ás 18:30 horas, polo que lle esixe ao conselleiro do mar, Alfonso Villares, que pida desculpas "por faltar á verdade" ou "asumir as súas responsabilidades ao non estar ao tanto da información recibida polos servizos da Xunta".