Máis de 800 incidencias, refachos de 183 quilómetros por hora e ríos cheos
Máis de 800 incidencias, refachos de 183 quilómetros por hora e ríos cheos
En Ponteareas houbo que desaloxar unha ducia de familias pola enchente do río Tea
As caídas de árbores deixan dúas persoas feridas en Soutomaior e As Somozas
Permanece activado o aviso vermello na costa por ondas de ata dez metros
O paso da profunda borrasca Domingos por Galicia deixou máis de 800 incidencias dende a tarde do venres por mor das fortes ventadas e da acumulación de chuvia. O refacho máximo, de 183 quilómetros por hora, rexistrouse na serra do Xistral, en Muras, ás catro da tarde.
Segundo informa o 112, na xornada do sábado rexistráronse 760 incidencias, a maioría por caída de árbores e pólas nas estradas. O resto foron intervencións para previr riscos, por inundacións nas estradas, derrubamentos de terra ou inundacións de vivendas.
Pontevedra foi a provincia máis castigada, con 310 incidentes, seguida da Coruña (228), Lugo (158) e Ourense (109).
As intensas precipitacións deixaron acumulacións de ata 103 litros por metro cadrado.
Familias desaloxadas
En Ponteareas, o desbordamento do río Tea anegou varias casas da parroquia de Moreira e parte da veciñanza tivo que ser desaloxada.
Outros decidiron quedar, a pesar de non poderen saír das súas vivendas. Son arredor dunha ducia de familias as afectadas pola chea do río. Moitos convertéronse hai pouco tempo en propietarios sen saberen os problemas que lles ía carrexar unha zona coma esta.
A previsión meteorolóxica non vai mellorar nas vindeiras horas, así que moitos veciños marcharán ata que a situación volva normalizarse.
Moitas estradas, ao seu paso por este río, están cortadas como medida de precaución. O acceso ao campo municipal do Pardellas é un deses lugares onde a forza da auga asolagouno todo. Só se salvan parte das bancadas e algunha portería semisomerxida.
Asolagamentos en Ponte Caldelas
En Ponte Caldelas, o río Verdugo botou por fóra. A chuvia forte empezou contra as catro da mañá e, entre as seis e as oito, o caudal subiu tanto que anegou por completo a zona deportiva.
No pavillón, a auga entrou nun almacén de Servizos Sociais, na nave da brigada de obras, e no local que usa a banda de gaitas da vila. A auga acadou medio metro de altura.
"Xa mirades que ten a marca onde chegou a auga. Foi un pouco desastre porque tiñamos aquí material de son da banda de gaitas de Coribantes e varios instrumentos e agora estamos desmontándoos a ver se se pode salvar algo".
A riada afectou varias casas e deixou inservible o campo de fútbol ao estragar o céspede artificial e as porterías. Remodelárase xusto antes da pandemia.
Durante esta xornada recolléronse máis de 62 litros por metro cadrado de chuvia neste concello, onde se acumulan máis de 700 litros por metro cadrado de precipitacións nas últimas tres semanas.
Pendentes do Umia
O Umia, ao seu paso por Caldas de Reis, provocou asolagamentos en parques, garaxes e baixos. Protección Civil alertaba das zonas sensibles a primeira hora da mañá. Pecháronse paseos na confluencia co Bermaña e achicáronse negocios preto do río.
Todos miran cara á enchente e os técnicos do encoro supervisan o caudal no centro da vila. Moitos pasaron a noite en vela. Agora, agardan que deixe de chover. Segundo MeteoGalicia, caeron 50 litros por metro cadrado.
Conca do Miño-Sil
En Baños de Molgas, o Arnoia xa non deixa ver boa parte dos paseos fluviais. Semella que os leitos quedan pequenos para tanta auga como leva caído estes días.
O río Miño na Peroxa, o Arnoia en Baños de Molgas e o Avia en Ribadavia subiron nas últimas horas o nivel de activación a prealerta. Na localidade da Quinza, moi preto de Ribadavia, apenas uns centímetros separan a auga da ponte sobre o río.
En Ribadavia, a área recreativa da Veronza quedou completamente asolagada polo Avia. Tamén a estrada que vai por riba e mesmo algúns negocios. A súa auga conflúe coa do Maquiáns e vai abrindo camiño como pode.
Tamén o Miño, ao seu paso por Ourense, deixa imaxes abraiantes. O encoro de Velle vertendo auga por todas as comportas e as piscinas de Oira cubertas polo río como moitas das zonas fluviais da cidade.
Aviso vermello
Tamén é preciso extremar as precaucións en todo o litoral, onde permanece activado o aviso vermello por temporal costeiro, con ondas de máis de dez metros e vento de forza 9.
Os mercantes fondeados ao abeiro das illas Cíes agardan que as condicións do mar melloren. Esperan o mesmo no porto de Baiona, onde a frota segue amarrada. Un día máis, houbo que achicar as embarcacións pequenas e revisar, nalgúns casos tamén reforzar, os puntos de amarre.
En puntos como Punta Candieira, en Cedeira, rexistráronse refachos de máis de 160 quilómetros por hora.
Na cidade da Coruña, Domingos mantivo pechados os parques e os xardíns e obrigou a adiar as competicións deportivas ao aire libre. A Casa das Ciencias e a Torre de Hércules non abriron. Tampouco está permitido baixar aos areais.
O temporal marítimo continúa o domingo pero a situación en terra será máis tranquila.
Problemas nos aeroportos
Canto ao tráfico aéreo, un total de sete voos con saída do aeroporto de Vigo foron cancelados e cinco que tiñan previsto aterrar na cidade olívica foron desviados.
Na capital compostelá, dous dos voos que tiñan que aterrar en Santiago foron cancelados e tres desviados. Ademais, dous que tiñan previsto engalar foron cancelados.
Na terminal de Alvedro, sete voos procedentes ou con destino Madrid foron cancelados.
Tráfico ferroviario
Tamén houbo problemas no tráfico ferroviario. A caída dunha árbore en Dodro provocou o atraso de catro trens que conectaban con Santiago dende Vigo e A Coruña.
Cortes de luz
Durante toda a xornada tamén se produciron cortes de luz. Segundo fontes de Naturgy, hai preto de 8.800 clientes de toda Galicia afectados. Na Coruña 4.200, en Pontevedra 2.200, en Ourense 1.300 e en Lugo 1.000.
Caídas de árbores
As incidencias máis graves producíronse pola caída de pólas e, sobre todo, de árbores. En Soutomaior, un operario que traballaba na estrada EP-2901 foi trasladado ao hospital Álvaro Cunqueiro ao caerlle unha árbore enriba.
No concello das Somozas, un vehículo bateu contra unha árbore caída na estrada AC-110. O condutor quedou ferido leve.