Aragonès ten moi avanzado o novo goberno sen os conselleiros de JxCat
Aragonès ten moi avanzado o novo goberno sen os conselleiros de JxCat
ERC fai un chamamento á responsabilidade de quen comparte os mesmos obxectivos
O PSC reclama gobernos estables e útiles
O presidente da Generalitat, Pere Aragonès, xa ten moi avanzada a configuración do novo goberno, sen conselleiros de Junts Per Catalunya pero coa incorporación de expertos.
Mentres, Junts per Catalunya reclama que convoque eleccións anticipadas ou se someta a unha cuestión de confianza.
O presidente catalán chegou ao Palau da Generalitat ao redor das nove e media da mañá para traballar na composición do novo goberno, xa sen Junts Per Catalunya. A súa intención é renovar o executivo o máis axiña posible para poder celebrar o primeiro consello do novo goberno o martes.
Asegura que as vacantes deixadas pola dimisión dos seis conselleiros de Junts, van ocupalas persoas comprometidas co seu país e coa súa xente. Insiste en que poden gobernar sós, buscando consensos co resto dos grupos parlamentarios, pero sen necesidade de incorporalos ao goberno.
"De momento non nos cuestionamos abrilos a novos partidos, temos que consolidar un goberno forte, sólido e Esquerra Republicana sempre apostou por persoas que non necesariamente sexan militantes do partido pero en calquera caso, xente do contorno de Esquerra Republicana", explica Laura Vilagrá, conselleira de presidencia da Generalitat.
Chamamento á responsabilidade
Aragonès abandonou a sede do goberno para participar na reunión da cúpula do seu partido. Tras a xuntanza, Oriol Junqueras fixo un chamamento á responsabilidade de todo o mundo, especialmente aos que comparten os grandes obxectivos do país: loitar contra inflación, contra a represión do estado español e na defensa dun referendo.
A aprobación dos presupostos será a primeira proba para o novo goberno en solitario. Na busca deses apoios, ERC asegura que terán prioridade os grupos independentistas e En Comú Podem.
A líder dos comúns cre que o debate non é se entran ou non no goberno, senón se Aragonés será capaz de artellar unha maioría de progreso que complete a lexislatura. O PSC reclama gobernos estables.
Junts na oposición
Mentres, Junts per Catalunya, agora na oposición, segue negando que vaia haber unha escisión no partido entre os que defendían a continuidade no goberno e os que votaron pola saída, que acabaron gañando.
Insisten en reclamar que Aragonès se someta a unha cuestión de confianza ou que convoque eleccións anticipadas.