Pídenlle a un veciño de Chantada dez anos de cadea por maltrato e abusos aos seus fillos
Pídenlle a un veciño de Chantada dez anos de cadea por maltrato e abusos aos seus fillos
O xuízo xa se celebrara, pero o TSXG ordenou repetilo tras ser recorrida a sentenza
Un pai, veciño de Chantada, está acusado de abusar sexualmente dos seus fillos, e de maltratalos de xeito habitual, entre os anos 2017 e 2018. Segundo o escrito da acusación, nese período someteu os menores a diversos tocamentos e tamén os agrediu con frecuencia.
Polos delitos de abusos sexuais, a Fiscalía solicita catro anos de cadea por cada unha das vítimas, máis outros 21 meses polos malos tratos. En total, as penas suman nove anos e nove meses de prisión. Pola súa parte, a defensa pediu a libre absolución do imputado, que negou os feitos.
Fernando Lamela, avogado da defensa: "Imos pedir a libre absolución porque non están acreditados os feitos. E non están acreditados porque non aconteceron".
Este xuízo xa se celebrara hai preto de dous anos. Daquela o acusado resultara condenado, pero, unha vez recorrida a sentenza, finalmente fora anulada por indefensión debido a unha proba mal valorada.
Fernando Lamela, avogado da defensa: "Houbo unha sentenza condenatoria. Recorrémola en apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que anulou a sentenza e mandou repetir o xuízo cunha nova composición do tribunal".
Nas súas declaracións, os peritos do Imelga dixeron que non apreciaran indicios de abusos sexuais, pero si un trato inadecuado por parte do pai das vítimas.