Plan sanitario invernal: máis camas nos hospitais e uso da IA e dos datos das farmacias para anticiparse aos virus respiratorios
Plan sanitario invernal: máis camas nos hospitais e uso da IA e dos datos das farmacias para anticiparse aos virus respiratorios
Plan sanitario invernal: máis camas nos hospitais e uso da IA e dos datos das farmacias para anticiparse aos virus respiratorios
O plan da Xunta contempla 8 millóns de euros para contar con máis persoal e para ampliar en máis de 600 o número de camas
Entre as medidas máis innovadoras Galicia pon en marcha as chamadas farmacias sentinela que informarán semanalmente da venda de antigripais e test de antíxenos
O Consello da Xunta acorda que o transporte interurbano en Galicia seguirá sendo de balde o próximo ano para os menores de 21 anos e tamén para os maiores de 65
O sistema sanitario galego prepárase para afrontar os meses máis duros do inverno. Máis camas dispoñibles nos hospitais e un sistema de alerta que permitirá adiantarse aos picos de incidencia que provocan principalmente os virus respiratorios nos meses máis fríos do ano.
A Xunta aprobou este luns o 'Plan sanitario galego de inverno 2024-2025', coa principal novidade de que pretenderá predicir a evolución da gripe e doutras infeccións respiratorias a través de modelos matemáticos, a intelixencia artificial (IA) e os datos de vendas nas farmacias. Permitirá detectar os cambios nunha epidemia de gripe con ata dúas semanas de antelación.
Ao finalizar a reunión semanal do Goberno autonómico, o seu presidente, Alfonso Rueda, explicou que este plan ten o obxectivo de "afrontar coas máximas garantías" a tempada a través da vixilancia epidemiolóxica, a monitorización continua e a planificación dos recursos asistenciais.
Entre as medidas máis innovadoras Galicia pon en marcha as chamadas farmacias sentinela que informarán semanalmente da venda de antigripais e test de antíxenos.
Estará composta por un total de 70 oficinas que "informarán de forma semanal das dispensacións de medicamentos antigripais e de test de antígenos".
Estes datos cruzaranse, para analizalos conxuntamente, coa taxa de consultas en Atención Primaria por infeccións respiratorias agudas e cos ingresos hospitalarios con gripe confirmada no Servizo Galego de Saúde (Sergas). Ademais, os sistemas de información empregados para a vixilancia avaliarán os rexistros de consultas por outras respiracións agudas, á parte da gripe e a covid.
Haberá capacidade para ampliar ata 600 as camas dispoñibles en función da demanda. A posta en marcha do plan sanitario de inverno supón un investimento extra en persoal de 8 millóns de euros que se suman ao 11 que se destinan este ano ás vacinas contra a gripe.
Novo cribado para bebés
Este luns implántase en Galicia un novo cribado de saúde para os bebés. Un cribado que servirá para detectar posibles enfermidades do corazón conxénitas críticas, que están detrás de moitos dos falecementos nos primeiros meses de vida. Con este serán xa 38 os cribados diferentes que o Sergas lles fai a todos os bebés.
Un cribado neonatal que consolida a Galicia no primeiro lugar de España, case ao nivel de Italia e os Estados Unidos, que son os países máis avanzados nesta materia. Con este son xa 38 os cribados que sen fan nas primeiras horas de vida.
É unha proba simple, unha pulsioximetría que vai permitir dun xeito indoloro, non invasivo e rápido, en apenas 10 minutos, detectar cardiopatías conxénitas críticas a través da medición do osíxeno en sangue. 2 de cada 1.000 bebés nacen con estas cardiopatías graves, que son causantes do 20 % dos falecementos que ocorren no período neonatal, de aí a importancia da detección precoz.
Transporte de balde para os maiores de 65 anos e menores de 21
Dentro dos acordos do Consello da Xunta deste luns, destacar tamén que o transporte interurbano en Galicia seguirá sendo de balde o próximo ano para os menores de 21 anos e tamén para os maiores de 65. O Goberno galego aprobou destinar 17 millóns de euros a financiar as viaxes. Son 3 millóns de euros máis ca en 2024 para dar resposta a un aumento da demanda.
A través destas tarxetas, os colectivos beneficiarios teñen ata 60 viaxes sen custo ao mes en autobús interurbano, no transporte marítimo pola ría de Vigo e no ferrocarril de proximidade na área de Ferrol.
No primeiros nove meses do ano, emitíronse máis de 21.800 tarxetas TXN novas, polo que os menores de 21 anos que empregan estes servizos de maneira gratuíta chegaron ata os case 127.000.
Ata finais de setembro, estes mozos realizaron 4,88 millóns de viaxes gratuítas en total, un 11 por cento máis ca no mesmo período do ano anterior.
En canto á tarifa '+65', posta en marcha a comezos de ano, suma xa máis de 105.000 usuarios, que fixeron ata finais de setembro 2,44 millóns de viaxes de balde.