Galicia rexistrou menos de 1.000 incendios este ano, con 4.370 hectáreas queimadas
Galicia rexistrou menos de 1.000 incendios este ano, con 4.370 hectáreas queimadas
O conselleiro do Medio Rural di que a superficie queimada supón "catro veces menos" que a media da última década
O pleno do Parlamento aproba o plan galego de estatística para os vindeiros anos
A superficie queimada en Galicia descendeu a 4.371 hectáreas en 2021, nun total de 954 incendios rexistrados, primeiro exercicio en que esta cifra baixa do millar. Deles, só un 14 por cento superaron a hectárea de superficie queimada.
O conselleiro do Medio Rural, José González, valorou con "certo optimismo cara ao futuro" estes datos provisionais do ano, dos que deu conta no pleno do Parlamento de Galicia. González dixo que hai unha "tendencia clara" na diminución dos lumes desde 2018, aínda que avogou por non "caer en ningún tipo de triunfalismo".
Segundo explicou, as 4.371 hectáreas queimadas supoñen "catro veces menos" que a media dos últimos 10 anos, e a superficie media queimada por cada incendio reduciuse de 6,7 a 4,58 hectáreas.
O conselleiro destacou que para 2022 entrará na Cámara autonómica unha nova lei de prevención de incendios, e nela haberá novidades como a profesionalización das brigadas municipais, cunha contratación "mínima" por seis meses. Nese sentido, apelou a chegar a un acordo para este texto cun "pacto da comunidade".
Plan galego de estatística
Por outra banda, o pleno do Parlamento aprobou, coa abstención de BNG e PSdeG, o plan galego de estatística 2022-2026 co que se integrará a información ao dispor da administración nos procesos estatísticos para reducir a carga de resposta e fornecer datos con máis celeridade.
O texto aprobouse tras incorporar 22 emendas de BNG e PSdeG, algunhas transaccionadas co PPdeG, aínda que a oposición considerou insuficientes os cambios incorporados, polo que optou por absterse.
A deputada do PSdeG Begoña Rodríguez Rumbo agradeceu que das 44 emendas socialistas foran aceptadas seis e outras cinco transaccionadas, o que supón un 25 % do total, pero tamén lamentou que outras fosen descartadas, e que o PPdeG "cuestione" os datos estatísticos ou "non faga nada" sobre aspectos "tan preocupantes" como o declive demográfico.
O BNG presentou 53 emendas parciais, das que se aceptaron 7 e 4 foron transaccións.
A deputada do BNG Noa Presas considerou "insuficiente" este plan porque cre que se perde a oportunidade para dar "un salto cualitativo", como en materia de perspectiva de xénero ou sobre os efectos da pandemia, entre outras cuestións.
Para a deputada do PPdeG Cristina Sanz este plan é "de todos e para todos" e responde as "necesidades actuais", e destacou o "amplo consenso" alcanzado xa que ningún dos grupos da oposición presentou emendas á totalidade do texto.