Publicador de contidos

Publicador de contidos

Podemos adianta a súa asemblea porque considera "plausible" que Sánchez adiante as eleccións

Podemos adianta a súa asemblea porque considera "plausible" que Sánchez adiante as eleccións

Os morados cren que o problema de acceso á vivenda pode provocar "a verdadeira moción de confianza que saque este Goberno da Moncloa"

G24.gal 10/02/2025 14:37

Esta semana retómase o debate no Congreso e o problema do acceso á vivenda terá un especial protagonismo neste período de sesións que se abre. Goberno e oposición diverxen nas solucións, pero tamén hai discrepancias dentro da propia coalición.

Todo o arco parlamentario coincide en que a vivenda é dos principais problemas de España. As diferenzas están na análise. Para o PSOE, a culpa é das comunidades gobernadas polo Partido Popular. Segundo Óscar López, ministro de Transformación Dixital, "chega con que apliquen a lei de vivenda para que teñamos xa unha primeira baixada dos alugueiros".

Para os populares é ao contrario, a culpa é da inacción do Goberno. Borja Sémper, voceiro do PP, insta os membros do executivo a "que se poñan mans á obra ante un problema que é de emerxencia nacional;  menos ministras pancarteiras e máis ministras traballando para solucionar o problema da vivenda".

Referencias a Sumar, que critica as medidas do Ministerio de Vivenda, en mans do PSOE. A súa secretaria de Organización, Lara Hernández, cualifícaas de "insuficientes" e reclaman que se interveña o mercado, como tamén fai Podemos.

Para o voceiro dos morados, Pablo Fernández, se o Goberno non aproba máis iniciativas, "será a vivenda a que realice a verdadeira moción de confianza que saque este Goberno da Moncloa". Cren que é o posible que Sánchez adiante as eleccións, e por iso decidiron convocar xa a Asemblea de Podemos a comezos de abril. "Queremos estar listos para calquera escenario", informaron en conferencia de prensa.

Dúas semanas antes, celebrarase a de Sumar, que avoga por unha candidatura única á esquerda do PSOE, reeditando a fórmula das últimas eleccións xerais. En todo caso, cren que á lexislatura aínda lle queda percorrido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar