Podemos pide limitar os pisos turísticos na nova lei de vivenda
Podemos pide limitar os pisos turísticos na nova lei de vivenda
A proposición de lei votarase este xoves no Congreso
O PSOE non ve posible o tope aos alugueiros turísticos porque é unha competencia autonómica
Poucos días antes de votarse no Congreso, Podemos presentou unha nova emenda á futura lei de vivenda. Quere que se limiten os pisos turísticos nas zonas tensionadas ao 2 % da poboación. É dicir, nunha área de dez mil habitantes, só se poderían ofrecer 200 prazas para alugueiro turístico.
Segundo Pablo Fernández, voceiro de Podemos, a medida pretende "evitar que os grandes propietarios e os fondo voitre poidan retirar inmobles do mercado residencial e destinalos ao arrendamento vacacional".
A emenda non ten aínda o apoio do PSOE nin dos socios parlamentarios. Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, recoñeceu ante os xornalistas que descoñecía a proposta, pero amosouse convencida de que "a ministra de Vivenda, resolvera as emendas competentemente", ao tempo que destacou que a nova lei fai "España un pouco máis europea".
Pero no PSOE non están polo labor de incluír esta emenda porque, segundo a súa voceira, Pilar Alegría, "neste caso é xusto recoñecer que estamos ante unha competencia cen por cento autonómica".
O PP vai votar en contra porque cren que a nova lei favorece a ocupación. Para Borja Sémper, voceiro de campaña do partido, as medidas incluídas "obstaculizan que os propietarios recuperen as súas vivendas e, ademais, xera unha grande inseguridade xurídica". Na súa opinión, "Sánchez é un choio para os ocupas".
Partidos como Junst per Cat votarán tamén en contra por considerar que invade competencias autonómicas. O PNV segue sen aclarar se votará non ou se finalmente se abstén.