Podemos rexeita a proposta de Sánchez de avalar parte da hipoteca dos mozos
Podemos rexeita a proposta de Sánchez de avalar parte da hipoteca dos mozos
Podemos considera que se trata dunha proposta do Banco Santander que xera burbulla inmobiliaria
O PP tira de ironía e felicita a Sánchez por volverlle copiar unha idea
Os socialistas defenden a medida e pídenlles aos populares que a apoien no Congreso
A precampaña das autonómicas e municipais entra na súa recta final. O venres arranca oficialmente a campaña electoral e faino cun tema central sobre a mesa: a vivenda. A última proposta dos socialistas é avalar o 20 por cento da hipoteca dos menores de 35 anos.
Aprobarase o martes no Consello de Ministros. Pero a medida non conta co apoio dos socios do PSOE. Podemos di que se trata "dunha medida do Banco Santander que fracasou no Reino Unido e que pode volver xerar unha burbulla inmobiliaria", asegura Pablo Fernández, voceiro dos morados.
Os socialistas non queren tensar máis a corda cos seus socios. A voceira da executiva, Pilar Alegría relaciona estas críticas co proximidade das eleccións e di que está segura de que "Podemos se sente satisfeito coa política integral en materia de vivenda que está facendo este goberno e que deu como froito a primeira lei de vivenda".
O PP lamenta a falta de ideas dos socialistas. E "felicita" a Pedro Sánchez por volverlle copiar unha proposta. Ironía para lembrar que xa está en marcha naquelas comunidades onde gobernan os de Feijóo. Para o PP, esta "nova copia de propostas demostra o nervisiosmo do goberno. Non nos parece mal", di Borja Sémper, voceiro do PP. Sémper avanza que mesmo a poderían apoiar no Congreso "se a copia é boa".
A campaña comezará as 00:00 horas deste venres. Por diante, quince días para definir gobernos autonómicos e locais. En moitos territorios, a loita será voto a voto ata o último minuto, como é o caso de Valencia.