Polo menos 24 falecidos polas intensas choivas na República Dominicana

Foron desaloxadas dos seus fogares 17.855 persoas

Hai afectadas máis de 3.500 vivendas e 45 poboacións incomunicadas

Estragos nas rúas tras as choivas en República Dominicana (Reuters) Estragos nas rúas tras as choivas en República Dominicana (Reuters)
G24.gal 20/11/2023 19:13 Última actualización 20/11/2023 20:36

As autoridades dominicanas elevaron a 24 o número oficial de falecidos como consecuencia das choivas torrenciais que afectaron a ese país durante a fin de semana e que tamén deixaron miles de desprazados, danos en vivendas e infraestruturas así como cortes de luz e auga.

O último boletín do Centro de Operacións de Emerxencia (COE) de República Dominicana suma tres falecidos aos 21, contabilizados ata o domingo, que perderon a vida arrastrados por ríos desbordados, afogados en inundacións urbanas ou por esmagamento.

Entre os falecidos hai catro cidadáns haitianos e catro portorriqueños, estes últimos, vítimas da derruba dun muro lateral dun céntrico paso a desnivel de Santo Domingo, onde pereceron outras cinco persoas ao caer a estrutura sobre os vehículos que circulaban pola vía nese momento.

O informe de situación do COE informa tamén o desaloxo dos seus fogares de 17.855 persoas, das que 879 están en albergues e o resto en casa de familiares e achegados. En canto ás desfeitas, cífrase en 3.571 as vivendas afectadas, 45 poboacións incomunicadas, oito estradas e seis pontes con danos (un deles colapsou), mentres que varios sistemas de subministración de electricidade e auga potable saíron de servizo tras ser afectados polas intensas precipitacións. 

Ademais, 111 acuedutos do Instituto Nacional de Augas Potables e Redes de Sumidoiros (Inapa) están afectados, todos menos un atópanse totalmente fóra de servizo e o outro parcialmente, o que impide a subministración de auga potable a 1.668.248 usuarios.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade