Polo menos dez mortos e quince feridos no Canadá nun apuñalamento múltiple
Polo menos dez mortos e quince feridos no Canadá nun apuñalamento múltiple
Segundo as investigacións preliminares, algunhas das vítimas foron apuñaladas intencionadamente e a outras colléronas ao chou
A policía xa identificou os dous supostos autores do apuñalamento múltiple, que están en paradoiro descoñecido
Polo menos dez mortos e quince feridos é o resultado provisional do ataque cometido por dous individuos en dúas localidades do centro de Canadá. A policía xa identificou os dous supostos autores do apuñalamento múltiple, que están en paradoiro descoñecido. Descoñécese o motivo do ataque.
A policía estableceu ata 13 escenas diferentes do crime en 13 lugares da provincia de Saskatchewan, no centro do Canadá, nunha reserva india composta por tres comunidades. Non se descarta que a cifra de feridos e mortos aumente.
Segundo as investigacións preliminares, algunhas das vítimas foron apuñaladas intencionadamente, e a outras colléronas ao chou. Os atacantes ían en vehículo. Foron identificados coma Damien Sanderson e Myles Sanderson, de 31 e 30 anos respectivamente. A policía di que é prematuro agora mesmo establecer o motivo do ataque múltiple.
A Nación Cree James Smith é unha comunidade indíxena en que viven unhas dúas mil persoas. O lugar de Weldon ten uns 200 habitantes.
O primeiro ministro canadense Justin Trudeau cualificou de espantosos os ataques e asegurou que o Goberno está seguindo de preto a situación.
As autoridades de James Smith declararon o estado de emerxencia e estableceron dous centros de operacións para proporcionar apoio sanitario ás tres comunidades da reserva.
A de Saskatchewan é a peor matanza ocorrida no Canadá desde que en 2020 un home que se fixo pasar por policía matou 16 persoas na provincia de Nova Escocia.