Publicador de contidos
Publicador de contidos

Acusan a Israel de matar sete membros da Garda Revolucionaria iraniana en Damasco

Acusan a Israel de matar sete membros da Garda Revolucionaria iraniana en Damasco

Irán promete unha dura resposta polo atentado no que morreron un total de oito persoas

G24.gal 01/04/2024 17:52 Última actualización 01/04/2024 22:43

A Garda Revolucionaria de Irán confirmou este luns a morte de sete dos seus membros, entre eles dous xenerais, no ataque que destruíu o consulado iraniano en Damasco e do que Teherán culpou a Israel.

“Esta tarde, no ataque dos cazas do falso réxime sionista (Israel) ao edificio do consulado iraniano en Damasco, o xeneral de brigada Mohamed Reza Zahedi, o xeneral de brigada Mohamed Hadi Haj Rahimi e outros cinco oficiais perderon a vida”, indicou o corpo militar de elite nun comunicado.

A Garda Revolucionaria referiuse a Zahedi e Rahimi como “uns dos máis altos oficiais militares iranianos en Siria”.

“Condenamos enerxicamente este crime”, dixo a organización militar, que indicou que esta traballando para repatriar os corpos dos falecidos.

As autoridades sirias acusaron o "inimigo israelí" de lanzar un bombardeo "ao redor das 17.00 da tarde", desde os Altos do Golán ocupados por Israel contra o "edificio do consulado iraniano en Damasco".

O embaixador de Irán en Siria, Hossein Akbari, dixo na televisión estatal iraniana desde Damasco que “o réxime sionista (Israel) actúa contra as leis internacionais, polo que recibirá unha dura resposta pola nosa banda”.

"A República Islámica de Irán resérvase o seu dereito para tomar contramedidas, e decidirá sobre o tipo de reacción e castigo do agresor", afirmou, pola súa banda, o portavoz do Ministerio de Exteriores iraniano, Naser Kananí.

O Observatorio Sirio de Dereitos Humanos sinalou que polo menos oito persoas morreron, entre eles Zahedi, identificado como líder das forzas Quds (unha das ramas da Garda Revolucionaria) en Siria e o Líbano, así como outros dous asesores e cinco membros da entidade paramilitar iraniana.

Trátase do ataque máis sanguento contra militares iranianos en Siria no que vai de 2024.

Irán foi unha aliado clave de Damasco na guerra en Siria, onde Teherán enviou soldados e asesores militares, ademais de prestar apoio económico e político ao seu principal aliado en Oriente Medio.

A República Islámica de Irán e Israel son inimigos acérrimos, supoñen unha ameaza existencial mutua, compiten pola hexemonía rexional e manteñen unha guerra encuberta con ciberataques, asasinatos e sabotaxes. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade