Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dúas ondas de explosións en aparellos deixan 32 mortos e 3.200 feridos no Líbano en 24 horas

Dúas ondas de explosións en aparellos deixan 32 mortos e 3.200 feridos no Líbano en 24 horas

O ministro de Defensa de Israel non recoñece a autoría dos ataques pero di que agora o foco está na fronteira con Líbano, controlada por Hezbollah

O Goberno libanés advirte do risco dunha "guerra aberta"

Hezbollah advirte dunha represalia "específica" ao "masacre israelí", que deixa xa doce mortos

Ascenden a 32 os mortos e e a 3.200 os feridos no Líbano en dúas ondas de explosións en 24 horas (Reuters) Ascenden a 32 os mortos e e a 3.200 os feridos no Líbano en dúas ondas de explosións en 24 horas (Reuters)
G24.gal 18/09/2024 17:38 Última actualización 19/09/2024 08:28

Unha segunda onda de explosións simultáneas en aparellos inalámbricos de comunicación causou este mércores polo menos 20 mortos e 450 feridos en diversos puntos do Líbano, o cal deixa un saldo total de 32 falecidos e máis de 3.200 feridos en ambas as dúas quendas ocorridas en tan só 24 horas.

Á primeira hora da tarde deste mércores rexistrouse por segundo día consecutivo un gran número de deflagracións orixinadas en dispositivos ao sur do país, o oriental Val da Bekaa e os suburbios meridionais de Beirut coñecidos como o Dahye.

Aínda que o número de falecidos nestas áreas controladas polo grupo xiíta libanés Hezbollah foi superior ao do día anterior, o de feridos queda moi por baixo dos 2.800 rexistrados por causa da primeira onda, segundo o último balance ofrecido polo Ministerio de Sanidade Pública do país.

Mentres que na primeira onda detonaron miles de localizadores en poder de integrantes de Hezbollah, nesta ocasión foron aparellos de radio, segundo medios locais.

Incendios e máis mobilizacións

Un día máis, a Cruz Vermella libanesa volveu mobilizar decenas das súas ambulancias, diversas organizacións lanzaron chamados a doar sangue en masa e o exército saíu a advertir contra as aglomeracións nos puntos afectados para permitir o paso dos equipos médicos.

Pola súa banda, a defensa civil libanesa informou nun comunicado de que os seus equipos participaron na extinción de incendios desencadeados en decenas de inmobles e vehículos por mor das detonacións de "aparellos sen fíos e lectores de impresións dixitais".

Segundo o seu reconto, só na provincia meridional de Nabatieh arderon 60 vivendas e establecementos, e tamén quince automóbiles e decenas de motocicletas.

Tamén se rexistraron lumes en menor medida nas demarcacións administrativas da Bekaa (leste), Baalbek-Hermel (leste), sur do Líbano, e Dahye.

Nese arrabalde da capital, unha testemuña que pediu o anonimato asegurou a EFE que presenciou unha detonación de baixa intensidade ocorrida no interior dun vehículo, de onde viu saír dous pasaxeiros completamente cubertos de "sangue".

Outra testemuña afirmou que varias vivendas sufriron incendios nese importante bastión de Hezbollah, onde as medidas de seguridade foron deseguida intensificadas coincidindo tamén co voo de polo menos un dron sobre a zona.

A formación xiíta, que atribuíu o ataque do martes a Israel e prometeu vinganza, aínda non se pronunciou sobre as últimas deflagracións.

Segundo ataque en 24 horas

O suceso deste mércores sorprendeu o país aínda coa resaca da agresión anterior, horas despois de que o ministro de Saúde Pública libanés, Firas Abiad, visitase unha serie de hospitais da capital en que se atopaban parte dos 1.800 ingresados o mércores.

Segundo indicou en conferencia de prensa, uns dous terzos dos feridos na primeira onda requiriron ingreso hospitalario e algo menos de 300 deles atópanse en estado crítico, mentres que preto de 460 foron sometidos a cirurxías principalmente nas mans.

O titular lembrou que entre esas primeiras vítimas tamén hai civís, incluídos dous nenos que perderon a vida.

Durante a súa xira previa polos centros hospitalarios, apuntou que a maioría das feridas foron na cara, en concreto queimaduras que obrigaron a realizar reanimación cardiopulmonar aos pacientes, e tamén nas mans, con "moitos" casos de amputación debido ás explosións.

"As feridas faciais son difíciles, porque é a área pola que respiramos, así que estes casos requiren un tratamento especial", detallou Abiad, médico de profesión.

Os incidentes sen precedentes das últimas 24 horas volveron disparar os medos ao estalido dunha guerra aberta no Líbano, contra o que Israel xa intensificara a súa retórica nos días anteriores, insistindo na necesidade de acabar coa presenza de Hezbollah na fronteira.

Pouco antes de que se repetise o ataque este mércores, o xefe da diplomacia libanesa, Abdallah Bou Habib, xa alertara do perigo do ocorrido o mércores durante unha reunión coa coordinadora especial da ONU para o Líbano, Jeanine Hennis-Plasschaert.

"Advertiu contra a gravidade do sucedido, especialmente porque se produce por mor das ameazas israelís sobre ampliar a guerra co Líbano, o cal pode afundir a rexión nunha maior espiral de violencia e ameazar co estalido dun conflito máis amplo", dixo o Ministerio de Exteriores nun comunicado. 

Israel fala dunha "nova fase" da guerra

Coincidindo con esta segunda onda de ataques no Líbano, o ministro de Defensa de Israel, Yoav Gallant, asegurou este mércores que o país se dirixe cara a unha "nova fase" da guerra en Gaza, e que o foco se traslada agora á fronteira co Líbano.

Israel non recoñeceu oficialmente a autoría das explosións no Líbano, algo habitual nestes casos, pero o grupo libanés xa avisou que tomará represalias.

"Creo que estamos ás portas dunha nova fase nesta guerra, e necesitamos adaptarnos", dixo o ministro durante unha visita ás tropas da forza aérea na base de Ramat David, no norte do país, en declaracións recollidas pola prensa israelí.

É a última dunha serie de advertencias lanzadas polas autoridades israelís nos últimos días a Hezbollah, grupo co que mantén un intenso intercambio de fogo desde o 8 de outubro, que obrigou a evacuar máis de 60.000 residentes das comunidades do norte do país.

Pola súa banda, o xefe do Estado Maior do exército israelí, Herzi Halevi, mantivo unha reunión co responsable do Comando Norte e aprobou "plans de ataque e defensa" no norte, en plena escalada da tensión, informaron as forzas armadas nun comunicado.

"Temos moitas capacidades que aínda non activamos", asegurou o responsable, quen engadiu que as dúas próximas fases xa están preparadas, "e en cada fase o prezo para Hezbollah debería ser alto".

O exército israelí despraza tropas á zona

Este mércores, o ministro deixou claro que "o centro de gravidade" se move cara ao norte, e que o exército está a trasladar forzas e recursos á zona.

A súa visita á base aérea prodúcese o mesmo día en que as forzas israelís decidiron trasladar ao norte do país unha división do exército que leva meses combatendo na Franxa de Gaza.

Varias cidades do Líbano rexistraron este mércores fortes explosións de dispositivos sen fíos (Reuters) Varias cidades do Líbano rexistraron este mércores fortes explosións de dispositivos sen fíos (Reuters)
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade