PP e BNG aproban reclamar ao Goberno a débeda de 2.500 millóns en dependencia
PP e BNG aproban reclamar ao Goberno a débeda de 2.500 millóns en dependencia
Piden o cumprimento do cofinanciamento do 50 % da lei para que a participación da Xunta e o Goberno "sexa equitativa"
O Parlamento de Galicia tamén aproba pedir medidas para afrontar a escaseza de médicos
A Comisión de Sanidade e Política Social do Parlamento de Galicia aprobou, cos votos a favor de PP, BNG e Grupo Mixto, reiterar ao Goberno central que faga efectiva a "débeda acumulada" de máis 2.500 millóns de euros para a atención da dependencia en Galicia.
A iniciativa do PPdeG, que contou co voto en contra do PSdeG, insta a Xunta a dirixirse ao Goberno para reiterarlle esta e outras demandas, como o cumprimento do cofinanciamento do 50 % da ei de dependencia para que a participación de Xunta e Executivo central "sexa equitativa, tendo especialmente en conta o desequilibrio acumulado desde a aprobación desta normativa en 2006".
Por iso, reclámase pagar a débeda acumulada tras "o incumprimento durante todo estes anos da cofinanciamento estatal" da citada lei.
Ademais, solicítase ao Goberno que "renuncie á imposición unilateral de novas medidas ou regulacións que supoñan o incremento de custos na prestación de servizos públicos de carácter social, sempre que non veñan aparelladas das transferencias de recursos económicos estatais suficientes".
Na comisión parlamentaria, resultou aprobada outra proposición non de lei do PPdeG tamén con demandas ao Goberno central, sobre medidas para afrontar a escaseza de médicos, que contou coa unanimidade dos grupos parlamentarios en só tres dos seus sete puntos.
Todos os partidos apoiaron pedir ao Goberno axilizar a incorporación de novas prazas acreditadas á oferta formativa e eliminar a taxa de reposición, polo menos nos casos das especialidades consideradas deficitarias polos distintos informes do Ministerio de Sanidade.
Tamén coincidiron en pedir que se acelere a aprobación do real decreto polo que se crea a especialidade de médico de urxencias.
O PPdeG contou co voto do BNG e do Grupo Mixto para instar o Goberno a axilizar o proceso de homologación dos títulos profesionais sanitarios e modificar o sistema de elección das prazas MIR para conseguir "máis formación nas especialidades de medicina de familia e evitar prazas vacantes".
Para a súa petición de modificar o estatuto marco para elevar ata os 72 anos a idade máxima de xubilación dos médicos, o PPdeG tivo o voto en contra de nacionalistas e socialistas.
E aínda se aprobou un punto máis, co apoio do PSdeG e o Grupo Mixto e o voto en contra do BNG, no que se solicita ao Goberno flexibilizar os criterios de acreditación de centros e unidades docentes para a formación de médicos residentes.