Pontón e Montero asinan no Congreso o acordo para a investidura de Sánchez

O acto celebrarase no Congreso dos Deputados ás 13:00 horas

Ademais da ministra de Facenda en funcións, acudirá Gómez Besteiro

Pedro Sánchez e Néstor Rego (EFE/ Zipi Aragon) Pedro Sánchez e Néstor Rego (EFE/ Zipi Aragon)
G24.gal 05/11/2023 20:02 Última actualización 06/11/2023 10:01

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, desprazarase este luns ao Congreso dos Deputados para asinar coa ministra de Facenda en funcións, María Jesús Montero, o acordo alcanzado co PSOE para a investidura de Pedro Sánchez.

Fontes da formación nacionalista confirman que, unha vez quede asinado, o texto do acordo farase público. Está previsto que o acto sexa ás 13:00 horas.

Ademais da ministra, que tamén é vicesecretaria xeral do PSOE, acudirá o candidato do PSdeG á Xunta, Xosé Ramón Gómez Besteiro, como membro da comisión negociadora socialista.  

Preacordo

O xoves pasado fíxose público que ambas as dúas formacións chegaran a un preacordo que incluía até un 75 % de desconto para usuarios frecuentes e recorrentes da AP-9 e a AP-53.

En materia de infraestruturas, tamén transcendeu nos últimos días a implantación de trens de proximidade esta lexislatura, polo menos, nas áreas da Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra.

Ademais, o acordo recolle a dotación para Galicia de novos xulgados de violencia de xénero e a condonación do 20 % da débeda de Galicia correspondente ao Fondo de Liquidez Autonómica (FLA).  

Por parte do PSOE, Besteiro capitaneou o diálogo co equipo negociador dos nacionalistas galegos, composto polo seu deputado no Congreso, Néstor Rego, a súa senadora, Carme da Silva, e o membro da executiva Rubén Cela.  

Será a segunda vez que o Bloque vote si á investidura de Sánchez. En xaneiro de 2020, Pontón tamén se desprazou a Madrid para asinar un acordo, por aquel entón coa socialista Adriana Lastra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade