PP e PSOE cruzan críticas á conta da investidura
PP e PSOE cruzan críticas á conta da investidura
Os socialistas cualifican a proposta de Feijóo de "pantomima"
O presidente dos populares arremete contra Pedro Sánchez por negociar cos independentistas
Carles Puigdemont nega que Junts estea negociando con ningún partido
Os socialistas continúan coas críticas á proposta que lles presentou Alberto Núñez Feijóo para unha lexislatura de dous anos. Para Nadia Calviño, vicepresidenta primeira en funcións, "foi todo unha pantomima, daría para un bodevil se non fose un tema tan serio, porque en dous anos non se pode construír nada, non ten sentido esa proposta".
Pola súa parte, a voceira do PSOE, Pilar Alegría, considera que a proposta popular "é froito do marasmo que vive o PP dende a noite do 23 de xullo".
Este xoves, no acto de apertura do curso político do PP madrileño, Alberto Núñez Feijóo volveu defender a súa proposta de pacto entre os grandes partidos, aínda que iso lle supoña fracasar na investidura. "É posible que defender a igualdade de todos os españois nos deixe sen a presidencia dentro dun mes, pero chegaremos ao Goberno defendéndoa", admitía o candidato á investidura.
O presidente do PP asegurou que non está disposto a chegar á xefatura do executivo "por atallos a costa da igualdade dos españois".
Alberto Núñez Feijóo arremeteu, ademais, contra Pedro Sánchez por negociar cos independentistas. "Os que a perder lle chaman gañar están demasiado ocupados buscando como chamarlle a unha amnistía inconcibible nun país europeo, a un referendo de independencia perseguido e absolutamente prohibido pola Constitución española", asegurou durante o acto do PP madrileño.
Sobre este asunto pronunciouse en Internet o líder de Junts, Carles Puigdemont. Nega que arrancaran as negociacións para a investidura e afirma que ningún partido lles presentou un proxecto de amnistía. Admite, iso si, conversas con diferentes actores políticos. Puigdemont tamén anunciou que o próximo martes dará a coñecer as condicións de Junts para a investidura.
Os socialistas xa reaccionaron ante este pronunciamento. Para Félix Bolaños, ministro da Presidencia en funcións, a política do Goberno de Sánchez "sempre será garantir a convivencia, o encontro entre cataláns e facelo dentro da Constitución". Explicou, ademais, a "fórmula" do PSOE nas conversas: "Somos discretos e cando se chegue a acordos, farémolos públicos e explicarémolos".