Publicador de contidos
Publicador de contidos

PP e PSOE ofrécense a encabezar a moción de censura en Ourense, pero o BNG di que non dará a alcaldía ao PP

PP e PSOE ofrécense a encabezar a moción de censura en Ourense, pero o BNG di que non dará a alcaldía ao PP

As tres formacións saíron sen un acordo da segunda reunión para sacar a Jácome da alcaldía

Imaxe de arquivo Imaxe de arquivo
G24.gal 20/06/2024 21:16 Última actualización 20/06/2024 21:32

PP, PSOE e BNG volveron manter unha reunión para avanzar nunha posible moción de censura no concello de Ourense.

Do mesmo xeito que pasou na primeira reunión, os primeiros en abandonar a sala de xuntas foron os nacionalistas, que mantiveron o argumento que xa deran a semana pasada. Están dispostos a asinar a posible moción de censura a condición de que o alcalde ou a alcaldesa sexa do PSOE.

"É unha cuestión simple, nós non imos marear máis a xente, hai que ser claros, concretos e concisos, non podemos andar creando falsas expectativas", esgrimiu o edil do BNG, Xosé Manuel Puga, sinalando que a súa formación non acudirá a outra reunión ata que se asine a moción de censura.

"Nós non imos facer alcalde ou alcaldesa unha persoa do PP", remachou.

Con todo, indicou que non falaron da configuración do próximo goberno, unha tarefa que, dixo, depende do próximo alcalde ou alcaldesa e na que eles non poñen "ningunha condición".

O BNG entregou ademais un documento a PSOE e PP coa firma do concelleiro nacionalista para que dean os números da moción de censura (14 firmas).

"Frivolidade máxima" para o PP

Desde o Partido Popular acusan os nacionalistas de "frívolos".

"O que nós queremos é garantirlle aos cidadáns de Ourense que se hai un acordo vai ser un que beneficie a toda a cidade, e non imos permitir que o BNG impoña unha liña vermella á segunda forza política desta cidade, que é o PP", aseverou a coordinadora do PP municipal.

O PSOE, "disposto a liderar" 

Os socialistas deixaron claro que están "dispostos a liderar a alternativa de goberno estable".

Así o manifestou a portavoz da formación, Noelia González, subliñando que "canto máis tarden os partidos en poñerse de acordo, peor será a situación da cidade".

"Estamos dispostos a liderar esta alternativa de goberno, pero todos temos que comprometernos a que nos próximos tres anos arrimaremos ombreiros e apoiaremos a quen goberne", insistiu González trasladando que "agora se abre un período de reflexión nas distintas organizacións políticas para ratificar e comprometerse verdade coa cidade".

"Bo banco" tamén no PP

Con todo, a preguntas dos medios, o Partido Popular tamén dixo que se ofreceu a liderar a alternativa de goberno durante a reunión.

Ao preguntarlles sobre se o PP municipal vería con bos ollos un pacto como o sacado adiante no Carballiño, onde o PSOE mantén a alcaldía durante tres anos e o último de mandato pasará a ser do PP, Pérez respondeu que "tamén veriamos con bos ollos o contrario, tres anos para o PP e o último para o PSOE".

Así, non convocaron unha nova reunión para seguir tratando estes temas porque, segundo as palabras dos socialistas, "agora cada organización ten que sometelo a consideración dentro da súa lexitimidade e os prazos marcaranos publicamente cando cada un saia a dicir o que ten que dicir".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade