PP, PSOE e BNG analizan unha moción de censura en Ourense
PP, PSOE e BNG analizan unha moción de censura en Ourense
Os nacionalistas confirmaron o apoio coa condición de que o alcalde sexa do PSOE
O PP, PSOE e BNG no Concello de Ourense sentaron este xoves as bases para tentar desaloxar o alcalde da cidade Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá) a través dunha moción de censura.
Foi durante unha longa reunión na que se emprazaron a seguir negociando un acordo.
Á cita acudiron a secretaria socialista Natalia González, impulsora do denominado Pacto pola concordia, que recolle 14 puntos como base para impulsar unha moción de censura, e a concelleira María Fernández.
Polo PP, participaron Noelia Pérez e Sonia Ogando, mentres que o BNG enviou a Xosé Manuel Puga e Sarín Núñez, afíns á dirección galega, no canto de Luís Seara, portavoz do partido no Concello.
Tras dúas horas reunidos no Liceo de Ourense, os representantes dos tres grupos emprazáronse a unha nova reunión a próxima semana para tentar seguir avanzando nos acordos que finalmente permitan sacar adiante a moción.
O BNG pon como condición que o alcalde sexa do PSOE
"Nós o que trasladamos é a nosa dispoñibilidade; se os sete concelleiros do PSOE queren facer unha moción, o BNG estamparía a sinatura número 14 que facilitaría a moción e o cambio na alcaldía", explicou Xosé Manuel Puga, quen insistiu en que o seu partido quere "a Jácome fóra da Alcaldía".
Neste sentido, asegurou que teñen "o aval" da súa organización política, aínda que deixando claro que "quen foi parte do problema non pode ser parte da solución", en referencia ao PP.
Pola súa banda, a socialista, Natalia González cre que supón "un paso adiante" para lograr que esa "alternativa de goberno estable" se poida materializar "en próximas datas".
O grupo máis crítico tras a reunión foi o PP, que acusou os nacionalistas de chegaren con "liñas vermellas", sen ningún interese en discutir sobre o programa que necesita a cidade.
As edís populares cren que a reunión non tivo un bo comezo pero manifestaron a súa vontade de participar en próximas convocatorias para buscar un acordo.
Polo momento, os tres grupos emprazáronse a unha nova reunión a mediados da próxima semana.