Jorge Prado proxéctase á fronte do Mundial de motocrós
Jorge Prado proxéctase á fronte do Mundial de motocrós
O lucense sumou un pleno con vitorias na clasificación e as dúas carreiras
Herlings, o seu gran rival, sufriu un golpe nas cervicais na primeira manga, e o galego remata a fin de semana con 67 puntos de vantaxe
O Gran Premio de Alemaña pode marcar un antes e un despois neste Mundial de 2023. Unha caída de Herlings, gran rival de Prado por lograr o título, déixalle o camiño libre ao lucense, que remata a fin de semana con 67 puntos de vantaxe.
Jeffrey Herlings ía á fronte da primeira carreira con Prado nas súas costas. Pode que esa presión do piloto galego fixese ao neerlandés cometer un erro, ir ao chan e levar un golpe importante nas cervicais. De feito, levantouse na sexta posición pero non puido manter ritmo de proba e acabou no vixésimo posto perdendo moitos puntos.
Rubén Fernández manexouse na cuarta posición e tamén tirou proveito da caída de Herlings para rematar no terceiro posto.
Herlings tivo que ir ao hospital e non saiu na segunda carreira. Iso sabíao Prado, que non desaproveitou a ocasión na segunda rolda. Coldenhoff saiu no primeiro posto con Jorge á súa roda. Agardou o seu momento e a dous minutos para o final dos trinta adiantouno para conseguir o pleno.
Rubén Fernández saiu na cuarta praza, mantivo unha gran loita con Febvre e aguantou o acoso de Seewer nas últimas voltas. A loita deulle un posto no terceiro chanzo do podio ao piloto vigués.