Prado e Fernández, entre os catro mellores en Alemaña
Prado e Fernández, entre os catro mellores en Alemaña
Esta é a imaxe do orgullo, o orgullo de que por primeira vez dous galegos rematen entre os catro primeiros nun Gran Premio da mellor competición de motocross do mundo. Rubén Fernández foi o cuarto, a dous puntos do podio, logo de conseguir o quinto posto en cadansúa rolda. Na primeira foi capaz de realizar brillantes adiantamentos coma este a Guadagnini. Na segunda, protagonizou unha bonita loita corpo a corpo con Vlaanderen. A súa é a única moto non oficial entre as primeiras.
Jorge Prado foi o terceiro. Non destacou como é habitual nas saídas e caeu na primeira rolda, na que foi o sétimo. Na segunda compensouno. Foi o terceiro, e iso valeulle para lograr ese mesmo posto. Oitavo podio para el en 11 carreiras. Iso si, con sensación agridoce.
Prado viuse lonxe dos dous mellores, un Seewer que triunfou na segunda rolda e un Tim Gajser que o fixo na primeira e na xeral. Logo de tres carreiras sen podio, o esloveno voa cara ao título de campión.