Publicador de contidos
Publicador de contidos

Prado: "A Xunta aproba medidas para mellorar a vida da xente e a oposición está inmersa en problemas internos"

Prado: "A Xunta aproba medidas para mellorar a vida da xente e a oposición está inmersa en problemas internos"

Sobre a posibilidade dun adianto electoral en Galicia, a secretaria xeral do PPdeG dixo que "a única persoa que sabe cando vai ser ese adianto electoral é o presidente da Xunta"

En canto á lei do litoral, Prado manifestou que "nós o que estamos pelexando é por vivendas de moita xente, centros de saúde, centros escolares..."

Paula Prado foi entrevistada no informativo 'Bos días'
G24.gal 18/10/2023 09:28

A actualidade política galega e española, marcada polos seus propios tempos, os dos ecos do debate de política xeral no Parlamento galego e os das negociacións para a investidura de Pedro Sánchez. Está inevitablemente imbuída tamén do que acontece na Franxa de Gaza e en Israel; un conflito aberto que volve amosar un Goberno en funcións con posicións explicitamente opostas ao respecto e que xa deixou un choque diplomático. No informativo Bos días analizaron todos estes aspectos con Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG.

Situación Israel-Hamas

Sobre a situación entre Israel e Hamas na Franxa de Gaza, Prado destacou que ese tema chegou ao debate no Parlamento a pasada semana. 

"Nós presentamos unha iniciativa xunto co PSdeG-PSOE para condenar este terrorismo de Hamas e lamentablemente o BNG non apoiou esta resolución, e para nós foi absolutamente inconcibible neste momento de violencia alí".

En canto ao choque diplomático e que escenificou nas dúas posicións do Goberno en funcións, a secretaria xeral do PPdeG manifestou que "o Goberno en funcións está gobernando cunha amalgama de partidos de esquerda radical e están amosando esa cara amable, pero logo xeran problemas cando gobernan".

Investidura 

Sobre as negociacións para a investidura de Pedro Sánchez, Prado dixo que Pontón ten que explicar porque ela xa apoiou a Sánchez a pasada lexislatura a cambio de nada porque ningunha das cousas foi realidade. 

"Pedro Sánchez está negociando a súa investidura a cambio de darlles a Cataluña e ao País Vasco todo o que lle pidan. Estamos escoitando que lle pai perdoar unha débeda de 450.000 millóns de euros, e iso non nos vai saír gratis ao resto. Non imos ter para a dependencia, o AVE non vai chegar ao resto das cidades, as infraestruturas pendentes. Hai unha serie de investimentos que non se van producir", sentenciou Prado.

Quixo denunciar que tanto o PSdeG como o BNG non defenden os intereses de Galicia, mentres que o PP vai seguir traballando por resolver os problemas dos galegos que é onde están centrados.

Debate no Parlamento

A axuda á dependencia que anunciou Rueda no Parlamento de Galicia foi moi criticada polo BNG e o PSdeG, que dixeron que era unha media copiada do bipartito. Paula Prado subliñou que "no debate do estado viuse a cara e a cruz da política galega, a cruz representada polo PSdeG e o BNG, que pintaron unha Galicia moi negra, e a Galicia que presentou o presidente Rueda".

"Unha Galicia cunha serie de anuncios e medidas para resolver os problemas da xente: a rebaixa do imposto de transmisións patrimoniais, a rebaixa do imposto de adquisición de vehículos ou ese bono de 5.000 euros para as persoas que están coidando aos dependentes. Nós pensamos nos problemas reais da xente".

Primarias PSdeG-PSOE

Nos corredores do Parlamento saltaba a noticia do día da celebración das primarias no PSdeG-PSOE e que Besteiro ía ser un dos candidatos. Paula Prado referiuse a este tema e manifestou que "era moi sorprendente que o mesmo día do debate que se trataba de dar solucións aos problemas da xente Formoso presentara a Besteiro como candidato". Paula Prado di que "o Goberno galego aproba medidas para mellorar a vida da xente fronte a unha oposición que non presenta ningunha proposta e que está inmerso en problemas internos".

Adianto electoral

Sobre a posibilidade dun adianto electoral en Galicia, a secretaria xeral do PPdeG dixo que "a única persoa que sabe cando vai ser ese adianto electoral é o presidente da Xunta, que é o que ten a capacidade e a potestade para decidilo". Destacou que o PP ofrece "estabilidade" fronte ao BNG e PSdeG que "están todo o día pensando en eleccións e se lle dan as contas".

Lei do litoral

Xa para rematar a entrevista, falouse sobre a Lei do litoral, que foi recorrida polo Goberno central porque pon en risco a Constitución. 

"Están dicindo que a Lei do litoral de Galicia é unha declaración de independencia cando están intentando xustificar a lei de amnistía. A lei do litoral o que pretende resolver é un problema real en que nos meteu o Goberno de España".

Prado afirmou que hai máis de 4.400 edificacións que están na costa de Galicia e que corren o risco de perderse postos de traballo. 

"Nós o que estamos pelexando é por vivendas de moita xente, centros de saúde, centros escolares. Insisto, postos de traballo que están instaladas na costa", indicou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade