Prado arrasa en Alemaña e recupera o primeiro posto do Mundial
Prado arrasa en Alemaña e recupera o primeiro posto do Mundial
Gañou as dúas carreiras dominando de principio a fin e recuperou os sete puntos que tiña Gajser de vantaxe
Jorge Prado volve ser o líder do Mundial de motocrós. Impúxose nas dúas carreiras do Grande Premio de Alemaña e recuperou os sete puntos cos que comezaba o domingo o esloveno Tim Gajser, terceiro e segundo clasificado nas probas.
A primeira carreira resultou propicia para Jorge Prado. Malia non saír na primeira posición colleu o mando logo dunhas curvas e marcou un ritmo infernal para os seus perseguidores. Gajser atopou inimigos que non agardaba con Coldenhoff e Vlaanderen aos que se engadiu Jeffrey Herlings chegando, como é habitual, desde posicións atrasadas. Prado gañou con case vinte segundos de diferenza sobre Herlings e Gajser acabou perdendo a terceira posición en favor de Vlaanderen.
Na segunda Prado volveu saír moi forte, pero non acadou unha vantaxe tan ampla. Por detrás Herlings e Gajser libraron unha gran pelexa coa que se achegaron moito a Prado. O piloto de Lugo soubo aguantar todos os ataques dos seus grandes rivais e, nunha fermosa pelexa, acabou levando a vitoria por diante do esloveno.
Á fronte do MXGP colócase Jorge Prado con 402 puntos polos 400 de Tim Gajser. Máis lonxe queda Herlings, que sobe á terceira posición logo do abandono do francés Romain Febvre, case descartado para a pelexa polo Mundial despois de non poder puntuar en Alemaña.