Premiados por un proxecto socialmente comprometido
Premiados por un proxecto socialmente comprometido
Catro estudantes ourensáns viaxarán á sede da ONU como recoñecemento ao seu traballo
Deseñaron unha aplicación para o móbil que facilita o aparcamento para as persoas con mobilidade reducida
Foi mirando pola ventá, nun descanso da clase, cando detectaron o problema.
Noa Pedrero Araújo, estudante: "Vimos a praza mal ocupada, co coche en diagonal, non tiña nin tarxeta, e dixemos: imos facer algo para que isto non ocorra".
A idea xurdiu en febreiro, e nestes meses foi medrando ata chegar a unha aplicación que facilita o aparcamento identificando as prazas libres.
Salma Bello Puentes, estudante: "Podemos entrar nela e saber se cumpre as medidas, se hai algún sinal que impida saír do coche, se hai perímetro para saír coa cadeira de rodas... Distinta información".
Petaron en moitas portas para conseguir información e asesoramento, e, sobre todo, para axustar o proxecto ás necesidades reais dos afectados.
Noa Vilas Ares, estudante: "Pómonos na súa pel cando nunca antes pensaramos nestes problemas. Darlles solución está moi ben".
E o esforzo vese agora recompensado. Estes alumnos do colexio Santo Anxo de Ourense son un dos 17 equipos de toda España, o único galego, seleccionados por EduCaixa, promotor da iniciativa, para viaxaren aos Estados Unidos.
Enrique Soto Ferreira, estudante: "Síntome moi orgulloso. Desde febreiro, non imaxinaba que iamos chegar ata aquí e viaxar aos Estados Unidos".
Ademais de expoñer o proxecto na sede da ONU, visitarán prestixiosas universidades como Yale, Columbia ou o MIT, a meca da tecnoloxía. Toda unha inspiración para estas mentes científicas e socialmente comprometidas.