Preparan os materiais cos que confeccionarán unha grande alfombra floral en Burela
Preparan os materiais cos que confeccionarán unha grande alfombra floral en Burela
O tapiz unirá a igrexa co porto, por onde pasará o sábado a procesión dos patróns da vila
Flores de todas as cores, cedidas e recollidas nas hortas dos veciños, e mais tulla, area, sal ou serraduras. Estes materiais, que xa se están a preparar para a ocasión, son os que se usarán en Burela para confeccionar a tradicional alfombra floral das súas festas patronais.
Este ano o tapiz estará dedicado á confraría de Burela, con motivo do seu centenario. Os deseños centraranse, por tanto, na importancia da actividade pesqueira nesta vila.
Carmen Trelles, Asociación de Amas de Casa de Burela: "Vai unha áncora grande, vai o faro, van barcos... Cada grupo escolle os seus debuxos e fai o seu modelo".
Víctor Pernas, florista: "E houbo moita xente que colabora nestas festas achegando diñeiro para comprar flores para a baixada da santa".
A alfombra floral estará repartida en cinco treitos, que irán dende a igrexa parroquial ata o porto. Para que estea lista para a procesión da noite, son moitos os voluntarios que o sábado van botar unha man.
Cristian Gómez Mesa, presidente da Comisión de Festas de Burela: "A asociación das alfombras, Burela Floral, coordina todos os veciños, e nós ocupámonos de coordinar a procesión e mais a alfombra. Xuntamos todo".
Tras a baixada dos patróns da vila, san Xoán e a virxe do Carme, as festas de Burela continuarán o domingo coa procesión marítima.