Presentan o proxecto para gañar en seguridade na principal vía de acceso á Coruña
Presentan o proxecto para gañar en seguridade na principal vía de acceso á Coruña
A avenida Alfonso Molina incorporará un carril por sentido
A avenida de Alfonso Molina, a principal vía de acceso á Coruña, incorporará un carril por cada sentido tras un investimento de 30 millóns de euros nunhas obras que se prolongarán durante 24 meses.
O Ministerio de Transportes presentou este martes o proxecto de remodelación, cuxas obras se licitarán nos próximos días, e prevé aprobar en breve outro de integración ambiental.
O primeiro suma 23,9 millóns de euros, dos que 21 corresponden á obra, 1,6 millóns de euros a expropiacións e 1,3 millóns de euros a asistencia técnica; mentres que o segundo ten 5,8 millóns de euros para un total de 29,7.
A iniciativa, cun prazo de execución de 24 meses, incluirá solucións para os vehículos procedentes da autoestrada AP-9 en dirección ao centro, ademais de para os que cruzan a ponte da Pasaxe ata os polígonos.
Segundo explicou o responsable do Ministerio de Transportes para as estradas galegas, Ángel González, haberá un carril á dereita á altura da antiga fábrica de armas para evitar o cruzamento de vehículos cos procedentes da autoestrada AP-9 e pantallas vexetais para reducir ruído e contaminación.
O director xeral de Estradas do citado Ministerio, Juan Pedro Fernández, acompañado pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, indicou que a remodelación mellorará o tráfico e a seguridade viaria e contribuirá á "integración urbana das obras".
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, salientou que estas obras son unha "demanda histórica da cidade" para unha vía con 120.000 vehículos ao día e unha previsión de 160.000 en dez anos.
As obras incluirán tres fases, cunha primeira xa en marcha consistente en instalar unha pasarela que conecte Pedralonga con Palavea.Tamén haberá unha mellora da accesibilidade nas paradas do autobús e o Concello será responsable da conservación dun tramo cando conclúa a remodelación.A terceira fase, de integración de barrios lindeiros, será a que "dea o resultado final da avenida", concluíu Rey.