Preto de douscentos profesores de Ciencias da Terra participan nun simposio en Quiroga
Preto de douscentos profesores de Ciencias da Terra participan nun simposio en Quiroga
O encontro está organizado pola AEPECT e polo xeodestino Montañas do Courel
Ten como principal fin favorecer o intercambio de experiencias educativas
Quiroga acolle durante esta semana ata 175 expertos en xeoloxía. Son os participantes nun simposio sobre esta disciplina organizado polo xeodestino Montañas do Courel e polo colectivo que aglutina os docentes desta materia en todo o ámbito estatal.
Este encontro sobre ensino da xeoloxía ten como principal fin favorecer o intercambio de experiencias educativas entre o profesorado de Ciencias da Terra. A tal efecto, realizáronse diversos talleres no instituto de Quiroga.
Laura Fernández, representante da Asociación Española para a Ensinanza de Ciencias da Terra: "É darlle recursos ao profesorado de ensino secundario para traballar a xeoloxía nas aulas dunha maneira máis práctica e atractiva para o alumnado".
É o caso dun obradoiro sobre microscopia petrográfica, onde se adaptan os microscopios dos laboratorios dos institutos para observar cortes de rochas e identificar minerais. Ou dun taller que está dirixido a que o alumnado localice fósiles de pequeno tamaño.
Álex Blanco, investigador da Universidsade da Coruña: "É un taller que pode aplicarse perfectamente en institutos para iniciar o alumnado en tarefas de paleontoloxía".
Outra das actividades propostas é unha cinta oceánica de transporte que explica de xeito ameno e sinxelo as correntes mariñas.
Eloy Cabarcos, xeólogo membro do equipo organizador: "No momento en que se conecta un acuario con outro, axiña a auga fría comeza a moverse cara a abaixo e a quente cara a arriba ata que se igualan as temperaturas. É un experimento moi fácil de levar á aula".
Ao mesmo tempo, esta edición do simposio serve para promover as Montañas do Courel, que están recoñecidas pola Unesco como Xeoparque Mundial.