Rueda anuncia que a Xunta asumirá o 60 % da suba prevista do canon de Sogama
Rueda anuncia que a Xunta asumirá o 60 % da suba prevista do canon de Sogama
O presidente da Xunta asegura que os galegos non teñen por que pagar as decisións impositivas do Executivo de Sánchez
A oposición chamará a Feijóo a comparecer en comisión por supostos contratos irregulares
O presidente da Xunta Alfonso Rueda anunciou este mércores que o seu Goberno asumirá o 60 % da subida prevista pola Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) para o canon que cobra aos concellos.
A finais de agosto, Sogama anunciou que incrementaría o canon que cobra a 295 concellos aos que presta servizo pasando dos 66 euros actuais por tonelada ata os 108. Esta suba verase reducida grazas á decisión da Xunta, que asumirá 24 euros dos 42 previstos e “transferirá” os recursos ás arcas municipais.
Así o anunciou Rueda na primeira sesión de control deste período de sesións na que avanzou que o seu Executivo asumirá parte do custo que a empresa pública prevía incrementar, segundo a súa argumentación, obrigada polas decisións impositivas do Executivo de Pedro Sánchez.
Segundo o mandatario autonómico, Sogama víase obrigada a aumentar o prezo do servizo debido “ás subas de impostos” e á eliminación das bonificacións, “incumprindo o pactado”.
Con estas decisións, os galegos terían que pagar 42 euros máis por tonelada de residuos pero: “Imos evitalo, os galegos non teñen que pagar as decisións de Pedro Sánchez”, resolveu Rueda.
A oposición chamará a Feijóo a comparecer en comisión por supostos contratos irregulares
O líder do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro e a portavoz nacional do BNG Ana Pontón confirmaron este mércores que os seus grupos chamarán a comparecer no Parlamento galego o expresidente da Xunta e líder do PP estatal Alberto Núñez Feijóo no marco da comisión que investigará os supostos contratos irregulares do Executivo galego durante a pandemia.
Así o avanzaron na sesión de control, un día despois de que se anunciase que a pesar da negativa do PP a Cámara galega celebrará unha comisión de investigación polas devanditas cuestións.
A oposición chamará a Feijóo e tamén ao actual prsidente, Alfonso Rueda, para que dean explicacións sobre a información que recolle o informe de fiscalización do Consello de Contas do contrato de colaboración público-privada do hospital Álvaro Cunqueiro, asinado durante o seu Goberno.
O devandito informe ditaminou que sería máis eficiente licitar a obra e os servizos do centro por separado e non conxuntamente, como fixo a Xunta, xa que supoñería un aforro de máis de 470 millóns de euros (IVE incluído).
Ana Pontón: "Dálle urticaria que se investigue o sobrecusto do Cunqueiro".
"Vostede onte demostrou que lle dá urticaria que se investigue o sobrecusto do Cunqueiro e que haxa transparencia na contratación pública", asegurou na Cámara a voceira do Bloque.
Ana Pontón engade: "Espero que vostede na comisión da investigación non vete ningunha comparencia, empezando pola súa e a do señor Feijoo, e non vete o acceso a ningunha documentación, incluida a relacionada con empresas relacionadas co anterior presidente da Xunta".
A nacionalista espetoulle a Rueda: “A súa actuación é a propia de quen non quere que haxa luz e taquígrafos; vostede saberá por que quere estar de lado da ocultación”. Espera que poñer luz sobre as contratacións asinadas pola Xunta sirva para que, a partir de agora, haxa unha boa “xestión de cada euro público”.
Gómez Besteiro: “Estanse a converter nun verdadeiro perigo á hora de xestionar o público”.
Pola súa banda, Besteiro puxo o foco no “sobrecusto” do hospital vigués e preguntoulle se é coñecedor dos usos que se lle podería dar a eses case 500 millóns de euros cos que, segundo o socialista, podería contratarse medio milleiro de médicos e pagar os seus salarios durante anos ou construír 20 centros de saúde, puxo como exemplos.
"Isto demostra que o goberno de Rueda nos sae cada vez máis caro”, lamentou o socialista, que cre que é necesario lanzar luz sobre esta cuestión porque é “necesario falar de como se malgasta o diñeiro público”.
Tamén fixo referencia aos contratos con “empresas relacionadas con familiares do expresidente Feijóo” e ao destino que se lle deu aos fondos que o Estado destinou para a COVID-19 pero que a Xunta empregou noutros fins.
Estas decisións demostran, para o líder do PSdeG, que os populares na Xunta “están a converterse nun verdadeiro perigo á hora de xestionar o público”.
Alfonso Rueda: “De que sobrecustos está a falar? Leu o informe? Non houbo sobrecustos”.
O presidente da Xunta Alfonso Rueda negou que exista ningún sobrecusto no importe da construción do hospital e asegura que esa acusación non figura no informe do Consello de Contas ao que, en todo caso, a Xunta presentou alegacións.
“De que sobrecustos está a falar? Leu o informe? Non houbo sobrecustos”, mantivo o dirixente galego que pide “rigorosidade” á hora de falar dun dos mellores hospitais do Estado, como é o de Vigo, que “non existiría” se non se empregase o sistema de colaboración público-privada.
O mandatario galego volveu defender a opción elixida para construír o hospital de Vigo porque era a única alternativa viable e lembrou que tamén foi unha das opcións que barallou o goberno anterior formado polo PSdeG e BNG.
Ao fío desta cuestión, Rueda lembrou que cando o PPdeG chegou a San Caetano atopou un informe encargado polo executivo bipartito no que se reflicte que o sistema finalmente utilizado era o máis viable tanto para a construción como para a posterior xestión privada dos servizos non sanitarios.
Segundo opinou o presidente da Xunta, os socialistas e nacionalistas non puideron levar a cabo as indicacións deste informe porque perderon as eleccións de 2009, polo que agora “critican algo que pensaban facer”.