Publicador de contidos
Publicador de contidos

Primeiras rebaixas de condenas ao aplicar a nova Lei de liberdade sexual

Primeiras rebaixas de condenas ao aplicar a nova Lei de liberdade sexual

Polo momento coñécense catro autos que reducen as penas de condenados por delitos sexuais

Igualdade atribúe estas rebaixas a unha lectura "reaccionaria" da lei

A ministra de Facenda avoga por estudar con detalle as sentenzas e a propia lei

A ministra Montero avoga por estudar con detemento as sentenzas e a propia lei
G24.gal 15/11/2022 17:17 Última actualización 15/11/2022 20:15

Polémica á conta da Lei Orgánica de Garantía Integral da Liberdade Sexual.

Estaba pensada para perseguir as agresións sexuais, pero xa provocou a rebaixa da pena a catro condenados.

A nova tipificación dos delitos sexuais que introduciu a Lei Orgánica de Garantía Integral da Liberdade Sexual establece que todo acto sexual sen o consentimento da outra persoa é unha agresión, aínda que tamén supuxo a redución dalgunhas penas mínimas. A pena mínima do delito de agresión quedou, por exemplo, en catro anos, fronte aos seis contemplados anteriormente no Código Penal.

Os xuíces explican nalgúns dos seus autos que a Lei Orgánica de Garantía Integral da Liberdade Sexual non di nada en canto á súa aplicación a procedementos en trámite ou aqueles xulgados e con sentenza firme, aínda que "o Código Penal establece unha norma xeral que debe ser aplicada e é o efecto retroactivo da norma penal máis favorable".

Polo momento coñécense catro autos que reducen as penas de condenados por delitos sexuais

O pasado 4 de novembro a sección 17 da Audiencia Provincial de Madrid rebaixou de 6 a 4 anos de prisión a condena a un home que, en outubro de 2017, agrediu sexualmente unha amiga da infancia. A razón é que "a pena mínima que se contempla" no Código Penal tras a Lei do só si é si é de 4 anos e "resulta máis favorable para o reo".

Por esta mesma razón, uns días despois, a mesma sección reduciu dous anos (de 8 a 6) a condena a un home que abusou sexualmente da filla da súa parella, de 13 anos, en 2020, ao reducirse a pena mínima polo delito polo que foi castigado.

Similar rebaixa (de oito anos e nove meses a seis anos e nove meses) aplicouse a un home condenado por un delito de abuso sexual á súa sobriña de 4 anos, decisión que supuxo a súa "inmediata liberdade".

A defensa solicitou a aplicación da nova lei ao ser máis favorable ao condenado, dado que supón "unha rebaixa no mínimo de dous anos, pasando de oito a seis".

Máis drástica é a redución da condena de seis anos e nove meses que a sección 15 da Audiencia de Madrid impuxo a un profesor por varios delitos de abusos sexuais contra catro menores, algúns alumnos seus, a quen pedía que realizasen actos de contido sexual a cambio de diñeiro.

Neste caso, o tribunal deixa sen efecto as condenas de tres delitos de abuso sexual continuado debido á destipificación dun dos delitos, o 182, que castigaba a aquel que, mediante engano ou abusando dunha posición de confianza, autoridade ou influencia sobre a vítima, realice actos de carácter sexual con alguén maior de 16 e menor de 18.

A sala explica que este artigo foi destipificado coa reforma, "de forma que o consentimento prestado por persoas maiores de 16 anos non é constitutivo de delito", agás se se empregou violencia, intimidación ou abuso dunha situación de superioridade ou vulnerabilidade da vítima.

No caso dos abusos sexuais a dous alumnos menores de 16 anos, o tribunal recoñece que a nova redacción do artigo 181.1, que castiga o que realice actos sexuais cun menor de 16 anos e tamén os actos realizados polo menor cun terceiro ou sobre si mesmo a instancia do acusado, si inclúe penas superiores (de dúas a seis anos) á data en que se cometeron os feitos.

Con todo, o tribunal mantén, por ser máis favorable ao penado, a condena de seis meses por cada delito de abusos, que, xunto á de posesión de pornografía infantil, deixan o castigo en ano e medio de cárcere.

Igualdade atribúe estas rebaixas a unha lectura "reaccionaria" da lei

A delegada do Goberno contra a violencia de xénero, Vitoria Rosell, achacou estas rebaixas de condenas a unha lectura "reaccionaria" desa norma por parte dos xuíces.

"O Poder Xudicial ten que facer o seu traballo formándose e aplicando a lei completa tal como é, e non dunha maneira tan reaccionaria e sorprendente", sinalou Rosell.

No caso do home que abusou sexualmente da filla da súa parella, de 13 anos, en 2020, Rosell di que é "evidente" que neste caso "hai un erro" e que o maxistrado que tomou dita decisión "non leu o artigo completo".

A delegada do Goberno reivindicou que "a lei non baixa as penas", senón que contempla a "posibilidade" de rebaixar os castigos para as "violencias de menor entidade, por exemplo, os tocamentos no transporte público".

E matizou que, mesmo nestes casos, existe unha excepción: non se poden aplicar a redución en casos onde se utilice a "forza, intimidación, violencia ou abuso de superioridade".

Sobre a redución da condena a un profesor por abusos sexuais contra catro menores, a delegada do Goberno lembrou que agora só existe "a agresión sexual sen consentimento" e especificou que "se hai engano non hai consentimento".

"É unha lectura tan superficial e de brocha gorda que espero que non sexa real que isto corresponda a unha resolución xudicial", aseverou Rosell. "Non é un problema da lei, é un problema de interpretación voluntarista xudicial en contra dos avances do feminismo", defendeu a delegada do Goberno.

"Non é unha cuestión só de aplicación da lei, tamén é de formación", reivindicou a delegada do Goberno, quen opina que "cunha debida formación isto non ocorrería".

A ministra de Facenda, María Jesús Montero, avoga por estudar "con detemento" tanto as sentenzas como a propia lei.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade