Profesionais sanitarios e pacientes volven verse as caras despois de tres anos
Profesionais sanitarios e pacientes volven verse as caras despois de tres anos
Farmacias e centros sanitarios volveron este martes á normalidade sen máscaras
Segue a recomendarse o seu uso en pacientes con síntomas, nas UCI e nas urxencias
Despois de tres anos, hoxe volvéronse ver rostros descubertos en hospitais, centros de saúde, residencias e farmacias.
A máscara xa non é obrigatoria, pero moitos optan por levala igualmente. De feito segue a ser unha medida recomendada, especialmente para as persoas con síntomas e nas zonas con pacientes vulnerables, as urxencias e as UCI.
Nas farmacias, moitos clientes contaban os días para quitala. Tamén os que están no outro lado do mostrador agradecen poder traballar sen ela, por comodidade e por recuperar a información que se perdía detrás da máscara.
"Toda esta semana a xente preguntaba constantemente cando a podían quitar, hoxe por fin podemos. Ver o rostro das persoas é moito mellor, comunica moito máis ver as expresións", comenta a farmacéutica Ruth Salas.
Hoxe tamén se decreta oficialmente a fin da emerxencia por COVID-19 en España. E con esta despedida poñer a máscara ou quitala é xa unha decisión propia de cada cidadán.