Feijóo non apoiará o plan de Sánchez se non inclúe unha rebaixa do IRPF
Feijóo non apoiará o plan de Sánchez se non inclúe unha rebaixa do IRPF
Filipe VI recibiu este mércores o novo líder do PP
Feijóo non apoiará o real decreto de medidas para facer fronte ás consecuencias da guerra en Ucraína se non inclúe rebaixas fiscais e se non se rebaixa tamén o IRPF.
"Eu non vou á Moncloa subscribir un real decreto lei que non foi pactado con ninguén, simplemente porque se lle ocorreu ao presidente do Goberno. Se quere pactar medidas para facer fronte á inflación de España terá que pasar por unha rebaixa de impostos e concretamente do IRPF", dixo Núñez Feijóo en declaracións á prensa despois da súa audiencia con Filipe VI.
Di o aínda presidente da Xunta que non pode apoiar "un conxunto de medidas dispersas que non van diminuír a carestía da vida e que non van axudar as familias a chegaren a fin de mes".
Feijóo tamén asegurou que, se Sánchez non lle fala mañá dunha rebaixa fiscal, estará incumprindo a declaración da Conferencia de Presidentes da Palma, onde o presidente do Goberno e os presidentes autonómicos acordaron proseguir e intensificar a baixada de impostos.
Tamén negou que a baixada de impostos sexa un suicidio para o estado de benestar e argumentou que un Goberno "non pode vivir por encima das posibilidades do seu pobo e beneficiarse do incremento dos prezos". Ademais, cifrou en 7.500 millóns de euros o incremento da recadación.
Acerca das eleccións en Andalucía, Feijóo sinalou que Juanma Moreno ten autonomía para convocar os comicios e que o que dixo o presidente andaluz é que "se non lle deixan gobernar xa sexa pola esquerda ou pola dereita el non vai bloquear a comunidade autónoma".
Sobre o discurso pronunciado por Volodimir Zelenski ante o Congreso, en que o presidente de Ucraína comparou os ataques rusos co bombardeo en Gernika de 1937, Feijóo sinalou que volver a vista atrás 80 anos é un exercicio para lembrar os peores momentos da nosa historia e ese bombardeo é "execrable" como outros máis, pero non se debe facer polémica, senón respectar as comparacións.
Primeiro encontro co rei de Núñez Feijóo como presidente do PP
O rei recibiu esta tarde en audiencia a Alberto Núñez Feijóo. O encontro, o primeiro con Núñez Feijóo como presidente do PP, celebrouse no Palacio da Zarzuela e un día antes de que o líder da oposición se reúna co presidente do Goberno, con Pedro Sánchez.
Filipe VI xa se reunira máis veces con Feijóo como presidente da Xunta de Galicia. A última vez que coincidiron nun acto público foi o pasado 18 de marzo no funeral dos finados no naufraxio do pesqueiro Villa de Pitanxo.