Feijóo: "A reunión foi moi cordial, pero menos frutífera do que desexariamos"
Feijóo: "A reunión foi moi cordial, pero menos frutífera do que desexariamos"
O presidente do PP lamenta non poder dar "ningunha boa noticia" tras falar con Sánchez
O Goberno e o principal partido da oposición acordan retomar conversas para a renovación do CXPX, pero non hai avances en temas económicos
O Excutivo cre que sería unha "imposición" que Feijóo queira incluír unha rebaixa de impostos para apoiar o plan de medidas contra as consecuencias da guerra
O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, lamentou a falta de resultados da reunión que mantivo este xoves co xefe do Executivo Pedro Sánchez no Palacio da Moncloa: "Foi moito menos frutífera do que me gustaría. Non podo dar ningunha boa noticia".
Nunha conferencia de prensa en Moncloa tras a reunión de máis de tres horas con Sánchez, Feijóo explicou que o encontro foi "moi cordial" pero con todo non se conseguiu acordar ningunha medida adicional para paliar a situación de crise económica, máis alá do decreto xa aprobado polo Goberno, que o PP non vai apoiar se o Goberno non negocia o seu contido.
Feijóo explicou que, unha vez que Sánchez non aceptou a súa proposta de baixada de impostos, en especial as retencións e o IRPF para aliviar a subida dos prezos nas familias, debeu considerar que tampouco estaba en condicións de reclamar o apoio para un decreto que, ademais, non foi negociado "con ninguén".
O presidente do PP tamén criticou que a reunión se celebrase sen unha orde do día coñecida ou, polo menos, unha mínima documentación que permitise concretar os asuntos para tratar de alcanzar posibles acordos.
Feijóo si valorou a "vontade de acordo" expresada para outras cuestións de negociación política. Nesta liña citou a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) pendente desde hai máis de tres anos e mais a próxima de parte do Tribunal Constitucional e a reforma do artigo 49 da Carta Magna, tamén o desbloqueo da supresión do voto rogado para residentes no estranxeiro.
É máis, o novo presidente do PP asegurou que nestes asuntos as conversacións se recuperan "a partir de hoxe mesmo".
Iso si, para o caso do CXPX insistiu na idea do PP de que é preciso que o Goberno acceda a cambiar o método actual de elección dos membros do órgano de goberno de xuíces e maxistrados, para melloralo, de modo que sexan escollidos os vogais cos perfís "máis adecuados, independentes e respectados na carreira xudicial".
O Goberno considera unha imposición a rebaixa de impostos para apoiar o plan pola guerra
O Goberno cre que sería unha "imposición" que o presidente do PP Alberto Núñez Feijóo queira incluír unha rebaixa de impostos para apoiar o plan de medidas contra as consecuencias da guerra de Rusia contra Ucraína.
Así o afirmou a portavoz do Executivo Isabel Rodríguez, e negou que Pedro Sánchez non pedise o apoio ao PP para o Real Decreto, alegando que esta petición aparece por escrito no documento de once puntos que lle entregou o presidente a Feijóo na reunión que mantiveron.
En calquera caso e como o presidente do PP rexeitou apoiar o citado Real Decreto, Rodríguez pediulle que "recapacite" e o apoie. Ademais, advertiu de que esta proposta de rebaixar o IRPF a rendas medias e baixas sería unha "imposición" se polo feito de que o Goberno non o acepte o seu partido rexeita o plan do Executivo.
A portavoz cualificou a reunión de "frutífera" e "proveitosa", saudou a "boa disposición" de Feijóo, pero acusouno de "pouca concreción" e de non achegar ningunha documentación ao encontro.
Isabel Rodríguez tamén dixo que Feijóo pedira un tempo sobre outras cuestións que son "consensos básicos", como retomar as negociacións sobre o CXPX, aínda que previamente Feijóo dixera que estaba de acordo en retomar o diálogo, a reforma do artigo 49 da Constitución ou a eliminación do voto rogado.
E lanzou, a modo de crítica, a necesidade de reafirmar o pacto contra a violencia de xénero mostrando a súa preocupación por que o PP poida asumir as teses de Vox de cualificalo de violencia intrafamiliar.
Feijóo: "Sánchez comprometeuse a informarme da política exterior"
No que respecta á política exterior, Alberto Núñez Feijóo, dixo que o presidente do Goberno se comprometeu a mantelo informado despois do cambio de postura do Executivo con respecto a Marrocos e o Sáhara, xa que, lamentou, "non puidemos empezar peor".
Esta situación "non volverá repetirse", sinalou Núñez Feijóo, quen fixo fincapé en que Sánchez o manterá informado a partir de agora sobre "calquera evento importante" relacionado coa política exterior de España, entre eles Marrocos ou a guerra de Ucraína.
Núñez Feijóo comprometeuse, pola súa banda, a ser "respectuoso" coa política exterior do Goberno e a non boicoteala, se ben insistiu en que o seu cambio de postura respecto a Marrocos foi "inadmisible" porque "rompeu a forma e o fondo" na maneira de actuar ata o de agora.