Prisión para un turista estadounidense por matar presuntamente a súa muller en Málaga
Prisión para un turista estadounidense por matar presuntamente a súa muller en Málaga
Os investigadores pensaron nun primeiro momento que se trataba dunha morte accidental durante unha práctica sexual "extrema"
O xuíz cambiou os cargos logo de tomarlle declaración ao home
O xuíz decretou o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza para o home detido pola morte da súa muller, unha estadounidense de 44 anos, nun apartamento da capital malagueña, que pasa a investigarse como violencia machista.
O Xulgado de Instrución número 9 de Málaga tomou esta decisión tras tomar declaración ao detido, de 50 anos e da mesma nacionalidade, que está a ser investigado por un delito de homicidio, segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía.
Este xulgado, ademais, vai inhibirse en favor do Xulgado de Violencia sobre a Muller, que será quen investigue a causa, ao tratarse dun posible crime machista.
Cambian así os cargos que se imputan ao detido, que nun primeiro momento foi acusado dun homicidio imprudente porque, segundo fontes da investigación, todo indicaba que a muller morrera accidentalmente durante unha práctica sexual "extrema".
O cadáver foi atopado nun apartamento turístico da capital malagueña
Axentes da Policía Nacional acudiron a madrugada do pasado sábado a un apartamento turístico do centro da capital malagueña en que se aloxaba a parella, onde atoparon o cadáver da muller, segundo confirmaron a EFE fontes policiais.
A Policía fíxose cargo da investigación, que ata o de agora apuntaba a que a morte da muller se producira na "esfera íntima" da parella.
O home pasou este luns ao dispor do xuíz, quen a partir das pescudas policiais e o informe de autopsia decidiu que o caso se investigue como homicidio.