Publicador de contidos
Publicador de contidos

Procesado o líder do PSOE murciano por malversación e prevaricación

Procesado o líder do PSOE murciano por malversación e prevaricación

Por adxudicación de contratos nos festexos taurinos cando era alcalde de Calasparra 

G24.gal 12/09/2024 17:44

O secretario xeral dos socialistas murcianos, Pepe Vélez, foi procesado como presunto autor dos delitos de malversación de fondos públicos e prevaricación administrativa cando era alcalde de Calasparra e participou na organización de festexos taurinos entre 2017 e 2019.

Acordouno nun auto este xoves o titular do xulgado de primeira instancia e instrución número 3 de Caravaca de la Cruz, que ordena que continúen as actuacións tamén para quen foi concelleiro de Festexos nesas datas Jordi Arce, exsecretario de organización do PSOE rexional, e para Antonio José Merino e tamén contra o administrador da empresa Chipé Producións Pedro Pérez, Chicote.

O xuíz considera que o Concello lle pagou para a cesión das ganderías para os encerros unha suma que "excedeu amplamente os prezos pactados" por asumir a corporación gastos que non lle correspondían.

Para a cesión para os encerros matutinos das reses contratadas para os festexos taurinos da Feira de Arroz que se celebraban pola tarde, o concello asinou un convenio coa empresa en 2017 no que se fixou un prezo de 30.000 euros, un segundo en 2018 por 37.000 e un contrato menor en 2019 por 15.000.

Tras concretar cronoloxicamente os feitos investigados e describindo cada cantidade satisfeita polo consistorio, o xuíz resume que nos tres anos se observa como o concello asumiu e aboou sistematicamente con diñeiro público determinados gastos de quen Chicote era beneficiario directo ou indirecto.

Afirma que ese beneficio derivaba de aboamentos directos feitos á empresa con facturas que carecen de xustificación e que o Concello tampouco requiriu de desembolsos propios da Feira Taurina do Arroz, actividade privada, ou de gastos relacionados coa praza de touros, de propiedade particular.

O xuíz dá dez días de prazo ás partes para que presenten os seus escritos de acusación e soliciten a apertura do xuízo oral ou reclamen o sobresemento das actuacións, aínda que non é firme, xa que se pode recorre na súa contra en reforma ante o propio xulgado e en apelación ante a Audiencia Provincial de Murcia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade