Primoz Roglic asegura a súa cuarta Volta a España na penúltima etapa
Primoz Roglic asegura a súa cuarta Volta a España na penúltima etapa
A etapa raíña gañouna o irlandés Edward Dunbar
Roglic afronta a contra o reloxo final con máis de dous minutos sobre O'Connor
Enric Mas ocupa o terceiro chanzo do podio
Sete portos, case cinco mil metros de desnivel positivo e un final no durísimo Picón Blanco configuraban una penúltima etapa da Volta a España que se presentaba como un desafío para tódolos ciclistas logo dos grandes esforzos acumulados durante tres semanas.
No grupo de fuxidos da xornada Pavel Sivakov foi quen máis aguantou en cabeza. Pero os favoritos rodaban rápido coa incógnita de ver como respondía o líder, Primoz Roglic, logo de quedar sen catro compañeiros nos primeiros compases da etapa, incapaces de seguir o ritmo por culpa dun virus. Pero o esloveno non tivo problemas para aguantar ben e incluso buscar algún ataque nos últimos quilómetros. Os primeiros da xeral perseguiron sen éxito ata o final ao irlandés do Jayco Edward Dunbar, quen atacou con forza e resistiu en cabeza para facerse co seu segundo triunfo de etapa nesta Volta.
Por detrás, Enric Mas foi o segundo clasificado, entrando por diante de Roglic e de Carapaz. A falta da contra o reloxo de mañá en Madrid, Primoz Roglic ten no peto a súa cuarta Volta a España. Avantaxa en dous minutos e dous segundos a Ben O Connor. Enric Mas está a dez segundos do australiano e conta cunha diferenza de 51 segundos sobre o ecuatoriano Richard Carapaz, quen intentará asaltar o podio na última xornada da carreira.