Publicador de contidos
Publicador de contidos

Indignación nos EUA pola brutal detención policial dun mozo negro

Indignación nos EUA pola brutal detención policial dun mozo negro

As autoridades publicaron varios vídeos da malleira que acabou coa vida de Tyre Nichols, tras varios días no hospital

O presidente dos Estados Unidos manifestou a súa indignación logo da difusión das imaxes, dunha dureza extrema

Decenas de persoas protestaron diante da Casa Branca e noutros puntos do país contra a violencia policial

Protesta diante da Casa Branca
G24.gal 28/01/2023 08:20 Última actualización 28/01/2023 21:35

A indignación medra nos Estados Unidos tras a difusión de varios vídeos dunha nova actuación policial de violencia extrema contra un cidadán negro por unha suposta infracción de tráfico o día 7 de xaneiro.

As imaxes amosan a brutal malleira que lle propinan cinco axentes en Memphis xa despedidos. A vítima, Tyre Nichols, de 29 anos, faleceu varios días despois no hospital.

O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, asegura estar "indignado" e "profundamente doído" con este episodio.

"Coma moitos, sentinme indignado e profundamente doído despois de ver o horrible vídeo da malleira que acabou na morte (do mozo)", dixo Biden nun comunicado este venres.

Entende que as imaxes, publicadas pola Policía de Memphis na tarde do venres, deixaran moitas persoas "escandalizadas", pero pide a quen "busca xustiza" que non recorra á violencia.

"A violencia nunca é aceptable, é ilegal e destrutiva", sinalou o mandatario.

O vídeo máis gráfico é o captado por unha cámara de vixilancia nun farol, onde se ve desde arriba como os cinco axentes lle dan patadas, algunha delas na cabeza, e golpean cunha porra a Nichols.

O fiscal xeral dos Estados Unidos, Merrick Garland, prometeu que haberá unha investigación e pediu que as protestas que poida haber sobre este suceso sexan pacíficas. Polo momento, os supostos autores están detidos e enfróntanse a varios cargos penais, entre eles, homicidio.

Ata o momento, rexistráronse protestas contra a violencia policial en varios puntos do país, unha delas, fronte á Casa Branca.

Fragmentos dos vídeos difundidos polas autoridades
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade