Esténdense as protestas contra a estratexia "covid cero" do Goberno chinés
Esténdense as protestas contra a estratexia "covid cero" do Goberno chinés
Mostras de indignación nas redes e vixilias en recordo das vítimas do incendio dun edificio aparentemente confinado
As protestas contra as restricións impostas pola China na súa estratexia de "covid cero" estendéronse esta fin de semana a importantes urbes como Pequín, Shanghai ou Nanjing, tras morreren o xoves dez persoas no incendio dun edificio aparentemente confinado en Urumqi (ao noroeste).
Segundo vídeos e testemuños que circulan por redes sociais, as mostras de indignación que inundaron o venres a fortemente censurada Internet chinesa transformáronse o sábado en vixilias en recordo das vítimas que, segundo indican algúns comentaristas, pasaron os últimos 100 días das súas vidas recluídas nos seus domicilios.
Mentres a prensa oficial non dá conta dos incidentes, algunhas gravacións amosan como decenas de persoas arrincan os valos cos que as autoridades pechan as urbanizacións confinadas no vasto complexo residencial de Tiantongyuan, no norte de Pequín, cualificado ás veces polos medios chineses como o máis grande de Asia, cuns 700.000 residentes.
A capital chinesa, especialmente blindada contra as repuntas desde 2020, experimenta agora os seus niveis máis altos de contaxio. Segundo o último parte oficial, este sábado detectáronse máis de 4.300 casos novos, dos que o 82 % son asintomáticos.
Vixilia con críticas en Shanghai
Estas cifras, baixas para os estándares internacionais pero intolerables para as autoridades chinesas, traducíronse en restricións e confinamentos que afectan a boa parte da poboación da capital, tal e como xa sucedeu este ano noutras partes do país.
En Shanghai, centos de persoas congregáronse para celebrar unha vixilia en recordo das vítimas do incendio que transcorreu de xeito maiormente pacífico, segundo testemuños en redes, pero algúns afirman que se produciron detencións.
As gravacións amosan grupos de manifestantes cantando "Os que vos negades a ser escravos, alzádevos" -unha estrofa do himno nacional chinés-, A Internacional ou gritando "queremos liberdade".
O xigante asiático, practicamente illado do resto do mundo desde principios de 2020, sufriu nos últimos meses numerosas vagas de repuntas atribuídas á contaxiosa variante ómicron, que puxo en xaque a estratexia nacional de tolerancia cero con cifras de contaxios superiores ás do comezo da pandemia.