Retiran polémico proxecto de lei en Xeorxia polas as protestas masivas
Retiran polémico proxecto de lei en Xeorxia polas as protestas masivas
Forza do Pobo e Soño Xeorxiano recalcaron que o país continuará a súa política de integración en Europa
Os promotores do polémico proxecto de lei sobre axentes estranxeiros, denunciado pola oposición xeorxiana como un instrumento represivo e que provocou protestas masivas, retiraron hoxe "sen condicións" a súa iniciativa lexislativa, xa aprobada en primeira lectura polo Parlamento.
A normativa esixía que calquera organización que reciba máis do 20 % de financiamento de fóra do país se rexistre como axente estranxeiro. Isto afecta a medios e oenegués.
"Ante todo debemos coidar a paz, a tranquilidade e o desenvolvemento económico de Xeorxia, o avance de Xeorxia na senda da integración europea. Por iso, como forzas responsables decidimos retirar sen condicións o proxecto de lei", anunciaron nunha declaración conxunta o movemento Forza do Pobo e o partido gobernante Soño Xeorxiano.
Segundo o Ministerio do Interior de Xeorxia, máis de 130 persoas foron detidas en Tiflis nas protestas e enfrontamento dos dous últimos días, nos que polo menos 60 policías foron feridos.
Os últimos choques producíronse esta madrugada, cando efectivos antidisturbios despexaron de barricadas a avenida Rustaveli, a principal da capital, onde os manifestantes queimaron dous automóbiles, un deles da policía.
A oposición criticou a medida dicindo que era un xiro autoritario que seguía o modelo ruso de Putin.