Proxecto para unha planta de biocombustibles en Friol
Proxecto para unha planta de biocombustibles en Friol
Prevén un investimento de 62 millóns de euros
Estiman crear máis de 150 postos de traballo
Nuns terreos de 120.000 metros cadrados situados no concello lugués de Friol e pertencentes a unha comunidade de montes son os escollidos polo grupo Greenway para pór en marcha unha planta de biocombustibles e biofertilizantes.
A empresa, que se surtiría de subprodutos das industrias gandeiras e agroalimentarias da zona, prevé un investimento de 62 millóns de euros e a creación de máis de 100 postos de traballo.
José Ángel Santos, alcalde de Friol: "As previsións iniciais da compañía establecen a creación duns 92 postos de traballo directos de diferentes perfís. Ademais, tamén calculan a creación duns 65 postos de traballo indirectos".
O proxecto está a ser moi ben acollido neste concello de pouco máis de 3.500 habitantes e os veciños cren que axudaría a fixar máis xente no rural.
"Parécenos estupendo. Todo o que veña para a vila é bo e sobre todo creando tantos postos de traballo", sinala un veciño de Friol.
"Paréceme fantástico para Friol e para a comarca. Son moitos postos de traballo e axudarían a poboar o rural. Viría xente, habería traballo e sería de marabilla", opina un veciño de Friol.
De saír adiante este proxecto de economía circular e baseado na sustentabilidade podería comezar a funcionar a comezos de 2024.