Publicada a oferta de 1.124 prazas de emprego público da Xunta de Galicia
Publicada a oferta de 1.124 prazas de emprego público da Xunta de Galicia
702 prazas son de acceso libre e as 422 restantes, de promoción interna
Ás prazas de acceso libre súmanse outras 422 prazas para a promoción interna de persoal funcionario
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a oferta de emprego público da Administración xeral da Xunta para 2022, que ascende a 1.124 prazas, das cales 702 son de acceso libre e as 422 restantes de promoción interna.
A pasada semana, o Goberno galego aprobou en Consello o decreto desta oferta de emprego que agora se publica no DOG.
Paralelamente, prevese convocar outras 1.349 prazas para continuar coa terceira fase do proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo, que foi pactado no acordo de concertación para a mellora das condicións de emprego público e que foi asinado con CC. OO. e UXT en 2019.
Das 702 prazas de acceso libre, o maior número concéntranse na escala técnica de orientación laboral, en total 130 prazas, e na especialidade de persoal de limpeza e cociña, con 70 prazas.
No ámbito administrativo hai:
- 30 prazas para o corpo superior (A1),
- 30 para o corpo de xestión (A2),
- 50 prazas para o corpo administrativo (C1),
- 50 para corpo auxiliar (C2),
- 45 prazas para a agrupación profesional (AP) escala de subalterno.
A todas estas prazas poderá acceder calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas correspondentes convocatorias.
As probas desenvolveranse a través do sistema de concurso-oposición, de forma que se garantirá a aplicación dos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, do mesmo xeito que se respectará a libre concorrencia.
A Xunta subliña, nun comunicado, que esgota un ano máis a taxa de reposición imposta polo Goberno central ás administracións para cubrir xubilacións e baixas, entre outras.
Ás prazas de acceso libre súmanse outras 422 prazas para a promoción interna de persoal funcionario, un proceso reservado a empregados públicos que xa son funcionarios e que poden conseguir un ascenso ou promoción profesional a postos de traballo de maior responsabilidade e retribución.