Puente non ve viable aumentar as bonificacións na AP-9 este ano
Puente non ve viable aumentar as bonificacións na AP-9 este ano
"É unha cuestión de xustiza, houbo diñeiro para as radiais madrileñas, ten que haber para Galicia", reclamoulle a senadora do BNG Carme da Silva
O ministro de Transportes, Óscar Puente, comprometeuse a buscar "fórmulas" para aplicar o incremento das bonificacións xa establecidas para usuarios e usuarias da AP-9 en base ao acordo de investidura co BNG.
Así o manifestou nunha comparecencia no Senado e a preguntas da parlamentaria nacionalista Carme da Silva, quen volveu a demandar o rescate da autoestrada e acabar co que definiu como unha "estafa" pola prórroga da concesión.
E é que a senadora do BNG demandou aplicar de forma inmediata os descontos de ata o 75 por cento ao entender que as contas prorrogadas o permiten.
"O que se reclama, o rescate dunha concesión que ten 25 anos por diante, correría a cargo do peto de todos os españois", respondeu o ministro, quen aludiu, ademais, ao proceso de expediente de revisión por parte da Comisión Europea en relación á decisión adoptada no seu momento.
Neste contexto, o ministro apelou á prudencia, pero defendeu as achegas feitas polo Executivo central "en forma de subvencións e bonos".
Con todo, comprometeuse a "buscar fórmulas" para "senón este ano, o seguinte habilitar unha partida".
Mentres, non considerou "xusto" que se derive no Executivo actual unha decisión adoptada polo PP e, en particular, considerouno "sangrante" no caso da Xunta.
"O Goberno non é responsable desa desfeita", apostilou.
"É unha cuestión de xustiza, houbo diñeiro para as radiais madrileñas, ten que haber para Galicia", sentenciou a senadora.
Da Silva preguntoulle ao ministro se se vai a poñer fin á concesión, cando se aplicarán as bonificacións e descontos pactados con esta formación e se nesta lexislatura se circulará por "unha AP-9 galega e libre de peaxes".
"Hai que acabar con esta estafa, non sexa cómplice da prórroga da concesión, diga con claridade que van facer coa AP-9", insistiu ao reclamar tamén a transferencia desta infraestrutura en Galicia. E é que para o BNG o Executivo central "debe negociar e poñer fin a esta concesion fraudulenta".
Os senadores do PPdeG critican que a transferencia da AP-9 non sexa "unha prioridade" para o Goberno
"Para o PSOE non ten valor nin o acordo que apoiaron os socialistas galegos no Parlamento de Galicia sobre esta cuestión nin o compromiso electoral que manifestaron nas últimas eleccións autonómicas", afirman.
Tamén lle afean ao BNG que "dese o seu apoio gratuíto a Sánchez a cambio de nada" despois de que "unha vez máis se constate que o Goberno non asumiu ningún tipo de compromiso co cumprimento dos seus acordos".
José Manuel Barreiro sostén que nestes momentos "o único partido que ten unha posición firme, clara, comprometida e seria respecto a Galicia e respecto á transferencia da AP-9 é o PP", incide o senador popular.