Publicador de contidos
Publicador de contidos

Óscar Puente ratifica que o 21 de maio estarán operativos os trens Avril

Óscar Puente ratifica que o 21 de maio estarán operativos os trens Avril

O ministro de Transportes e Mobilidade Sostible asegura que se van dobrar as prazas actuais en Galicia

G24.gal 13/04/2024 17:02 Última actualización 13/04/2024 17:42

O ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, ratificou que os trens Avril comezarán a estar operativos en Galicia o vindeiro 21 de maio e que Renfe ofrecerá máis de dous millóns de prazas ao ano na comunidade, máis do dobre das que hai dispoñibles actualmente.

En declaracións aos medios de comunicación este sábado tras o discurso de toma de posesión de Alfonso Rueda como presidente da Xunta no parque de San Domingos de Bonaval, Puente afirmou que veñen "bos tempos" en materia de infraestruturas e que "Galicia non vai quedar atrás".

Así, destacou que o vindeiro 18 de abril comezará a venda dos billetes para os novos trens Avril, que foron entregados a Renfe esta semana, e que estarán operativos a partir do mencionado 21 de maio.

Segundo expresou o ministro, Galicia vai pasar de contar con 800.000 prazas ao ano a máis de dous millóns, é dicir, que "duplicará a súa oferta ferroviaria existente" na comunidade. Os detalles coñeceranse, asegurou, "esta mesma semana".

"En 2018 os tempos de desprazamento de Madrid a Galicia eran máis ou menos o dobre do que son agora. Hoxe tárdase a metade en percorrer a mesma distancia", lembrou Puente.

Ao preguntarlle polos medios sobre o Plan director do corredor atlántico, comprometeuse a organizar unha reunión de inmediato co comisionado para profundar nos detalles desta infraestrutura.

"Eu son de Valladolid, que é un dos puntos neurálxicos do corredor atlántico e tal e como lle comentaba a Rueda aceleramos enormemente as licitacións ata o punto de que case estamos xa á vez en fondos licitados co corredor mediterráneo", expresou o ministro.

Explicou ademais que o corredor mediterráneo está en 6.300 millóns e o corredor atlántico supera xa os 6.000 millóns, polo que "esa diferenza que había entre os dous corredores no volume e ritmo de execución" está a estreitarse.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade