Putellas aparece no último intre para darlle a España a segunda vitoria
Putellas aparece no último intre para darlle a España a segunda vitoria
A pontevedresa Tere Abelleira foi titular e xogou 60 minutos
Derrota no balonmán feminino sen a presenza de Alicia Fernández
Teresa Abelleira entrou no once titular da selección española de fútbol que derrotou a Nixeria no segundo partido da fase de grupos. Tere xogou sesenta minutos e foi substituída por Patri Guijarro.
España sufriu moito para superar a Nixeria, pero acabou lográndoo grazas a un gol de falta directa de Alexia Putellas. A xogadora do Barcelona sorprendeu nunha acción en que a porteira rival agardaba un centro.
España dominou e gozou de moitas oportunidades, pero faltoulle tino. Nos últimos vinte minutos o acoso era total ata que Alexia acertou no 84 e posibilitou o segundo triunfo español.
A selección de balonmán, cun pé fóra dos Xogos
No balonmán feminino a selección española perdeu boa parte das opcións de meterse nos cuartos de final. Coa primeira derrota diante do Brasil e a deste domingo contra Angola quedan nunha situación desesperada. Os dous equipos teoricamente máis frouxos superaron un combinado que segue sen contar coa presenza da valdoviñesa Alicia Fernández.
O partido estivo moi igualado no primeiro tempo (14-15 para España) e ata mediado a segunda metade (18-19) pero un parcial de 7-0 a prol de Angola con doce minutos sen que España anotase ningún gol resultou unha lousa demasiado grande para as Guerreiras.