Putin promete investigar as causas do accidente de Prigozhin
Putin promete investigar as causas do accidente de Prigozhin
Asegura que non esquecerán o líder de Wagner e que as investigacións levarán algún tempo
Este mércores Prigozhin morría carbonizado tras estrelarse o seu avión privado
Mercenarios e partidarios do grupo Wagner homenaxean o líder morto. Nos improvisados altares hai dúas fotos, a do xefe, Yevgueni Prigozín, e a do seu número dous, tamén falecido na catástrofe aérea canda outros altos cargos do grupo. Wagner quedou descabezado.
Xa recuperaron os corpos entre os restos do aparello. Sobre as causas do incidente desatouse todo tipo de especulacións: desde un erro mecánico ata que foi alcanzado por un proxectil ou que estoupou unha bomba no seu interior.
"Oín unha forte explosión e vin como unha das ás saía despedida da fuxelaxe", explica un veciño.
"Só direi que non foi un raio, foi unha explosión metálica. Sei do que falo porque teño escoitado moitas", conta outro.
O grupo Wagner levaba anos facendo o traballo sucio para o exército ruso, en África e logo na guerra de Ucraína. Unha relación comercial de interese mutuo ata que hai dous meses Prigozhin puxo contra as cordas a Putin liderando o motín que levou o seu grupo de mercenarios ata as portas de Moscova.
E aínda que oficialmente houbo perdón, fontes dos mercenarios de Wagner apuntan á vinganza do presidente ruso por eses feitos. Zelenski e Joe Biden tamén suxiren que detrás do ocorrido está a man do Kremlin.
Putin rompeu o seu silencio. Prometeu que se investigarán as causas do sinistro aéreo e loou a figuar de Prigozhin.
"Cometeu erros, pero logrou os seus obxectivos", dixo o presidente ruso.
Certo ou non que o sinistro aéreo foi provocado, Prigozhin pasou a engrosar a longa lista de oligarcas falecidos en estrañas circunstancias tras caer en desgraza ou desafiar a Vladimir Putin.