Publicador de contidos
Publicador de contidos

Puy afronta a súa marcha do Parlamento como unha "nova etapa de defensa de Galicia"

Puy afronta a súa marcha do Parlamento como unha "nova etapa de defensa de Galicia"

O partido ten "boas expectativas", polo que confía en que poderá representar Galicia como deputado no Congreso

G24.gal 14/06/2023 13:16

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, asegurou que afronta a súa marcha do Parlamento de Galicia, ao ir como número 3 da lista do partido por Pontevedra para as eleccións xerais do 23X, como "unha nova etapa de defensa de Galicia", neste caso no Congreso.

Aínda que instou a esperar aos resultados electorais para saber cal será o seu papel en Madrid, dixo que o partido ten "boas expectativas", polo que confía en que poderá representar Galicia como deputado no Congreso.

En declaracións nos corredores do Parlamento, Puy, que pode manter o seu escano autonómico ata ser elixido en xullo, explicou que o líder do PP e expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediulle a súa "disposición de botar unha man" e el respondeu que si, "que non había ningún problema, que encantado".

Sobre se esta dispoñibilidade pode supoñer algunha responsabilidade específica no futuro, como un posto nun hipotético novo executivo, instou a "primeiro tentar que Feijóo goberne", algo que será "moi bo para Galicia e para España", antes de falar a este respecto.

Polo momento, trátase de "integrar o grupo parlamentario no Congreso e despois xa se verá", respondeu, tras insistir en ser "respectuoso" cos procesos electorais e os seus resultados.

"O único que sabemos é que formo parte dunha lista que temos expectativas de ser elixido pero, a partir de aí, imos esperar ao resultado. Confiamos en que sexa un bo resultado pero non falamos máis que o que hai encima da mesa, que é formar parte das listas", especificou.

Puy destacou que se trata dunha etapa política "moi importante e moi decisiva" tanto para Galicia como para España, por "todas as cuestións pendentes" en todos os ámbitos para a transformación económica e social.

Ademais, apuntou que non ten a "sensación" de que Feijóo estea a levar aos mellores dos seus colaboradores para Madrid; "todos somos moi bos, os que estamos e os que marchamos", concluíu.

E respecto á súa marcha do Parlamento, admitiu que si, que lle "dá pena" irse.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade