Quince formacións políticas, rostros coñecidos e o líder de Podemos Galicia con Yolanda Díaz
Quince formacións políticas, rostros coñecidos e o líder de Podemos Galicia con Yolanda Díaz
Mulleres con presenza política e mediática como Ada Colau, Mónica García, Rita Maestre e Carla Antonelli non faltaron á cita
O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, tamén estivo presente contravindo as directrices do partido
O acto tivo unha protagonista principal, Yolanda Díaz, e numerosos protagonistas algo máis secundarios, aínda que estean na primeira liña do segmento político á esquerda do PSOE. Por parte dos comúns cataláns, Ada Colau e Jaume Asens. Unha mensaxe tamén común: ilusión.
"Aquí viñemos un montón de xente, centos de persoas de Barcelona, de Cataluña, con moitísima ilusión para refrescar a política, para facer que a política estea ao servizo da xente", sinalaba Ada Colau.
Máis compañeiros de viaxe. Por parte de Izquierda Unida, o seu líder, Alberto Garzón, e Enrique Santiago. Á cabeza de Más País Iñigo Errejón, que se define como cómplice de Yolanda Díaz, na compaña das candidatas de Más Madrid o 28-M, Mónica García e Rita Maestre.
"Hoxe aquí estase respirando ilusión, respírase xenerosidade, respírase compromiso, respírase futuro. Hai ganas dunha forza progresista que cambie as cousas", era o parecer de Mónica García.
Máis representacións: de Compromís, Alianza Verde, Equo, Chunta Aragonesista... así ata quince formacións políticas. Todos menos Podemos, que segue esfollando a margarida. Iso si, apareceron dirixentes contestatarios de Navarra e de Podemos Galicia, como Gómez-Reino. Protagonismo especial para a activista Carla Antonelli e para a presentadora do acto, Jen Herranz, unha streamer conectada coas novas xeracións. Outros rostros coñecidos: o ubicuo presentador Jorge Javier Vázquez, humoristas como Facu Díaz, actores, algún cantante. Todos e todas arredor da ferrolá que di que quere ser presidenta.