Rácing- Raio Majadahonda e Celta B-Badaxoz, pratos da 1ª RFEF na G2
A Primeira Federación avanza cara a un final de liga trepidante para os catro equipos galegos. Hoxe as sete da tarde veremos na G2 o compromiso do Rácing ante o Raio Majadahonda na Malata. Os de Cristóbal Parralo son terceiros, a catro puntos do líder, e viven un dos mellores momentos da temporada. Non perden desde o pasado sete de xaneiro, e veñen dun triunfo trascendental en Alcorcón.
Tamén hoxe xoga o Pontevedra, inmerso na complicada pelexa pola permanencia, que ten a seis puntos. Sen Gueye na convocatoria, recibe ao Linares en Pasarón logo do triunfo balsámico ante o Alxeciras da pasada xornada, que permite mirar ao futuro con certo optimismo.
Para o domingo quedan os partidos do Celta B e do Deportivo. O filial celeste, metido xa en postos de playoff, recibe ao Badaxoz en Balaídos. Será as cinco da tarde, en directo pola nosa segunda canle. O equipo vigués sumou 36 dos últimos 48 puntos en xogo.
Unha xeira totalmente oposta leva a Cultural Leonesa, que non gaña desde hai oito xornadas, e que será o rival do Deportivo mañá no Reino de León. O equipo coruñés, a dous puntos do liderado, ten unha boa ocasión para dar un paso adíante, pero debe mellorar as súas prestacións ofensivas como visitante.
Necesidades para todos nunha apaixonante Primeira Federación.