Rajoy: "Non teño ningún coñecemento dunha denominada operación Cataluña"
O expresidente do Goberno reivindícase como o artífice que evitou un golpe de Estado en Cataluña en 2017, o que ao seu xuízo foi a verdadeira operación Cataluña que intentou liquidar España
O exministro do Interior, Jorge Fenández Díaz, nega ante a comisión de investigación ter relación con excomisario Villarejo
A comisión aínda ten pendentes as comparecencias de Sáenz de Santarmaría, Cospedal, Montoro, Junqueras e Artur Mas

O expresidente do Goberno, Mariano Rajoy, negou esta mañá ter "coñecemento dunha denominada operación Cataluña". Así o asegurou ao comezo da súa comparecencia ante a Comisión do Congreso que investiga as manobras supostamente orquestradas desde o Ministerio do Interior contra o independentismo catalán en tempos do PP.
Rajoy tamén negou ter coñecemento "de ningunha trama parapolicial nin, polo tanto, de presuntas irregularidades que aquí se investigan".
Despois, en resposta á secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra, Rajoy negou dar "instrucións" nin coñecer "nin unha palabra" das buscas policiais sobre dirixentes do partido morado que, segundo denunciou Belarra, producíronse entre 2015 e 2016.
"Eu non tería nin teño ningún interese en facer ningunha inspección sobre vostedes porque non me parecen tan importantes para a miña vida", respondeu Rajoy, quen tamén dixo que a policía "desmentiu" as acusacións de espionaxe a Podemos.
"Vostede cre que somos parvos?", preguntou a líder de Podemos ante o descoñecemento desas actividades aludido por Rajoy. "Non vou responderlle, non se trata de xerar aquí mal ambiente", ironizou, recalcando que non coñece os informes policiais aos que aludía Belarra.
A cambio a líder de Podemos referiuse entón á condena ao PP a título lucrativo pola trama Gürtel, acusou a "M. Rajoy" de cobrar "373.000 euros en efectivo da caixa B do PP" e definiuno como "o presidente do Goberno máis corrupto de España".
En todo momento o expresidente do Goberno amosouse "orgulloso" de parar o que cualificou como "golpe de Estado" dos independentistas e aseverou que "valeu a pena".
Así llo dixo, por exemplo, a Gabriel Rufián, en representación de ERC, con quen mantivo un debate moi duro por momentos, con constantes interrupcións, e a quen lle negou tamén que metese presión ao Goberno de Andorra para que a Banca Privada de Andorra facilitase información para usar contra políticos independentistas cataláns.
"A miña primeira obrigación era cumprir a Constitución e a lei e a dos dirixentes cataláns tamén o era e non o fixeron", engadiu Rajoy, quen insistiu en que esta comisión se celebraba en pagamento polos sete votos dos deputados de Junts que permitiron a investidura do presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
Así o dixo nas súas conclusións, e antes nunha dura discusión que mantivo co deputado socialista Manuel Arribas, a quen acusou de mentir e de inxurialo. Arribas volveu preguntarlle se era el o M. Rajoy que aparece nos papeis de Bárcenas e o expresidente do Goberno lle botaba en cara o caso Koldo.
Fernández Díaz di que a operación Cataluña "é un invento"
Tras Rajoy foi a quenda do exministro do Interior do PP, Jorge Fernández Díaz, quen asegurou que "non ten ningunha dúbida" de que a chamada operación Cataluña é "un invento" por mor dunha declaración en sede xudicial do comisario xubilado José Manuel Villarejo. Ademais, negou que el ordenase espiar a ningún adversario político, nin independentistas cataláns nin de Podemos.
"Que é un invento non teño ningunha dúbida. Pódolle asegurar que durante o meu mandato no Ministerio eu non oín nunca falar de Operación Cataluña, nunca", defendeu Fernández Díaz ante a comisión de investigación.
Na súa comparecencia ante o Congreso, Fernández Díaz negou que ordenase espiar a adversarios políticos ao ser preguntada pola deputada de Podemos, Ione Belarra, polas procuras en base de datos policiais. "No caso de que fose verdade, eu esa orde non a din. Que interese político podería ter?", preguntouse o responsable de Interior do primeiro Goberno de Mariano Rajoy. E se algún policía fixo algunha práctica ilegal, "que respondan eles", engadiu.
Neste sentido, Fernández Díaz reiterou que el "non despachou" nunca con Villarejo, e só lle saudou brevemente en dúas ocasións en actos policiais, e avisou de que algúns audios poden estar manipulados.