Reabren ao baño as praias con alerta por medusas e carabelas
Reabren ao baño as praias con alerta por medusas e carabelas
As bandeiras pasan de vermellas a amarelas, permitindo o baño con precaución
Diminúa a prensenza de carabelas nas praias de Ferrol e de medusas nas da Coruña
Boas noticias para os bañistas. Despois de dous días con bandeira vermella por medusas, a situación mellora na Coruña e poden volver á auga.
"Eu hoxe vou intentalo, vexo xente na auga".
"Á miña filla picáronlle nun brazo e foi horrible, doe moito".
"Algunha hai porque vexo os da limpeza retirándoas", comentan os bañistas na praia do Orzán.
Quedan menos que días atrás, pero algunha queda. De feito o areal de Balcovo, en Arteixo, continúa con bandeira vermella. Así que cómpre estar moi atentos para non despedir o verán cun susto.
"Eu case que prefiro a piscina do hotel".
"A min nunca me picaron nin gana teño de arriscar".
"Hai que mirar ben onde pisas, non só ao nadar, se te pican vas fastidiado", din desde o paseo marítimo.
En Ferrol, as carabelas portuguesas tamén foron desaparecendo. As bandeiras son hoxe amarelas e a xente pode bañarse con coidado. E se hai mala sorte e pican, este é o consello dos socorristas.
"A picadura é un pouco máis urticante, pero ten o mesmo tratamento que o dunha medusa común que é limpar ben con auga salgada, nunca doce, porque pode empeorar a propia picadura e retirar os restiños que poida deixar cunhas pinzas ou con luvas", explica Manuel López, socorrista da praia Ponzos.
Este verán incrementou a presenza destas especies nas nosas praias. A explicación para algúns expertos está na dinámica dos ventos e as correntes, que as arrastrarían en masa ata o litoral.