Reaccións en Galicia ao nomeamento de Miñones como ministro
Reaccións en Galicia ao nomeamento de Miñones como ministro
Puy asegura que se defende a sanidade como o Goberno será un excelente ministro
Pontón pide unha mellor coordinación e diálogo coas comunidades
O socialistas galegos din que Miñones reforza a presenza galega no Goberno
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, alegrouse "como galego" do nomeamento do novo ministro de Sanidade, José Miñones, ata o de agora delegado do Goberno na comunidade galega, e desexoulle sorte no seu novo cargo.
Acabo de falar con José Miñones tralo seu nomeamento como ministro. Alégrome como galego e desexeille sorte. Coñece os problemas da sanidade, como a falta de médicos, algo compartido por todas as comunidades. Confiamos en que o teña en conta e que o Goberno, agora si, actúe
— Alfonso Rueda (@AlfonsoRuedaGal) March 27, 2023
A través dunha mensaxe na súa conta de Twitter, Rueda informou de que falou con Miñones tras o anuncio do seu nomeamento e confía en que "o teña en conta e que o Goberno, agora si, actúe" para paliar este déficit de facultativos na sanidade pública.
Valoracións no Parlamento
O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, felicitou aos dous novos membros do Executivo de Pedro Sánchez, especialmente ao de Sanidade, o galego José Miñones. Destacou do que durante anos foi delegado do Goberno en Galicia que se "defende igual" ao Executivo central que a sanidade, será "un excelente" ministro. Tamén afirmou hai cuestións de relevancia pendentes como a creación de forma definitiva da especialidade de Urxencias e Emerxencias, que espera que agora obteña o impulso definitivo.
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, desexoulle "moitos acertos" ao recentemente nomeado ministro de Sanidade, José Miñones, con quen destacou que "sempre" tivo un "trato moi cordial". A líder nacionalista espera unha "mellor coordinación e diálogo" coas comunidades autónomas en relación aos problemas que mantén a sanidade, tendo en cuenta que "o groso" das competencias residen nos distintos territorios.
A viceportavoz do grupo parlamentario do PSdeG, Begoña Rodríguez Rumbo, celebrou tamén o nomeamento de Miñones como novo ministro de Sanidade xa que así se “reforza o peso galego no Goberno”, afirmou. Dixo que ten acreditado ser “unha persoa traballadora, implicada e progresista” a que tamén lle desexou que tivera acertos que redunden en beneficio de toda a cidadanía e especialmente da cidadanía galega”.